FACENDA

Goretti Sanmartín urxe a activar o pagamento fraccionado de impostos para favorecer a política social

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi
Esta medida serve para aliviar a economía doméstica tras o peche temporal da maioría das empresas, comercios e servizos
Goretti Sanmartín urxe a activar o pagamento fraccionado de impostos para favorecer a política social

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, traslada a proposta de fraccionar taxas e impostos para facilitar o seu pagamento cando se retome a actividade económica. “Urxe activar o pagamento fraccionado de impostos para evitar ter que pagar todo xunto e en coincidencia co inicio do curso escolar”, destacou.

“O BNG sempre defendeu que non había ningunha política máis social que facer o pagamento de impostos á carta, de tal maneira que calquera contribuínte poida escoller se os paga unha vez ao ano, cada seis meses, ao trimestre ou se divide en 12 mensualidade”, explicou. “Este é o momento de activar esta proposta, de facela viábel”, engadiu a portavoz do BNG.

Entre as medidas de carácter tributario que propón o BNG, ademais das dirixidas á Xunta e ao Goberno do Estado destinadas a mellorar a situación de persoas autónomas, pequenas e medianas empresas, está a posibilidade de realizar o pagamento de impostos á carta; isto é, o fraccionamento mensual dos recibos municipais para poder abonar as cotas que correspondan a prazos e de xeito reducido.

Cando se retome a actividade despois do estado de alerta por mor da pandemia do coronavirus, esta medida pode servir para aliviar a economía doméstica tras o peche temporal da maioría das empresas, comercios e servizos que supón un importante recorte ou perda de ingresos e salarios.

Para Goretti Sanmartín, o fraccionamento de taxas e impostos é tamén unha medida de política social que, xunto coa da progresividade, favorece principalmente as persoas que dispoñen de menos recursos económicos.

Deste xeito, reclama que toda vez que se anunciou que a Oficina do Contribuínte vai pospoñer o cobro de taxas e impostos, este se realice consonte ao pagamento fraccionado de xeito mensual e non limitado a tres cotas. Para o BNG, a escusa da dificultade técnica da administración electrónica na área económica xa non serve nun caso de emerxencia como o actual.

Así, procúrase contribuír a un equilibrio socioeconómico e a darlle flexibilidade ao calendario fiscal, cun plan de pagamento personalizado non exclusivo para o IBI, senón que se aplique para toda a cesta de impostos municipais.

Goretti Sanmartín urxe a activar o pagamento fraccionado de impostos para favorecer a política social