PLENO

Goretti Sanmartín insta o alcalde a reunirse coa veciñanza do barrio de San Ignacio de Loyola para facilitar o consenso sobre as obras

Reunión con representantes de San Ignacio de Loyola
Reunión con representantes de San Ignacio de Loyola
“O Concello de Santiago ten unha débeda histórica coas familias afectadas por un longo proceso que desvalorizou estas propiedades”, explica
Goretti Sanmartín insta o alcalde a reunirse coa veciñanza do barrio de San Ignacio de Loyola para facilitar o consenso sobre as obras

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclámalle ao alcalde que convoque reunións coa veciñanza de San Ignacio de Loyola para explicar as medidas que se prevén adoptar neste barrio coñecido como “Banco do Pobre” co obxectivo de facilitar o consenso das propostas de actuación para a rehabilitación das vivendas en función das súas necesidades e posibilidades económicas.

Goretti Sanmartín mantivo un encontro con representantes deste barrio logo de que o alcalde anunciase unha intervención alí sen informar á propia veciñanza. O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego reclamou en diversas ocasións en sesión plenaria a necesidade de ofrecerlle unha solución á veciñanza, ben para facilitar o seu  traslado se eran finalmente afectadas pola cesión obrigada dos seus fogares para a construción da Facultade de Medicina neste emprazamento, como estaba previsto, ou ben para brindarlles axudas para a rehabilitación das vivendas que se atopan en malas condicións de habitabilidade e de accesibilidade.

“O Concello de Santiago ten unha débeda histórica coas familias afectadas por un longo proceso que desvalorizou estas propiedades, dificultou as condicións de vida das persoas residentes e provocou que gastasen recursos económicos ante unha situación sobrevida que nunca chegou a ser unha realidade”, explicou Goretti Sanmartín. “De aí que sexa unha esixencia, neste caso, procurar axudar a comunidade de persoas propietarias e residentes con debate sobre as posíbeis propostas”, engadiu.

Na documentación da Xunta de Goberno do 3 de febreiro de 2020 presentouse un informe para implantar un ascensor na fachada sur de cada un dos bloques que se comunica coas vivendas a través duns corredores de planta, exteriores e cubertos. Estas pasarelas de acceso ás vivendas resólvense con elementos prefabricados de formigón autónomos e independentes da edificación orixinal.

Neste sentido, o BNG trasladará unha pregunta ao vindeiro Pleno para coñecer se o Goberno local do PSOE ten previsto informar e debater coa veciñanza sobre o modelo de intervención necesario para San Ignacio de Loyola.

Goretti Sanmartín insta o alcalde a reunirse coa veciñanza do barrio de San Ignacio de Loyola para facilitar o consenso sobre as obras