PLENO
Navia Rivas preguntará no Pleno polos trámites pendentes da concentración parcelaria de Villestro e Figueiras
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2020.- A concelleira do BNG Navia Rivas preguntaralle ao Goberno local que xestións realizou coa Xunta para axilizar os trámites necesarios para concluír a concentración parcelaria de Villestro e Figueiras.
O grupo municipal do BNG trasladou diversas iniciativas, que foron aprobadas en plenos anteriores, para reclamarlle á Xunta que axilizase a concentración parcelaria de Villestro II – Figueiras. Tamén no Parlamento todos os grupos secundaron instar o Goberno galego para que se comprometese a finalizar a concentración en ambas parroquias antes da fin desta lexislatura.
A superficie afectada nas parroquias de Villestro e de Figueiras corresponde a 1.219 propietarios e propietarias, distribuídas en 14.072 parcelas de 1.523 hectáreas (85% forestal e 15% agraria). Moitas destas parcelas son de dimensións reducidas e non ofrecen rendibilidade económica ás persoas titulares por carecer dunha superficie mínima, ademais de entrañar problemas de risco de incendio, un motivo máis para urxir o remate do proceso de concentración iniciado en 1991.