CENTROS SOCIOCULTURAIS
Goretti Sanmartín insta o Goberno local a redactar novos pregos dos centros socioculturais “para non caer dúas veces na mesma pedra”
Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2019.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, insta o Goberno local a comezar a redactar os pregos do concurso de centros socioculturais “para non caer dúas veces na mesma pedra e ter que adxudicarllo a unha multinacional”, tendo en conta que o 31 de maio de 2020 remata o contrato “porque agardamos que non pensen nunha prórroga ou ampliación do contrato por non facer os deberes en tempo, cando é patente o mal funcionamento do servizo”.
Goretti Sanmartín espera que o Goberno local “aprendese a lección e estea a elaborar outro prego con asesoramento do persoal que leva anos a traballar nestas instalacións, para impedir que se renoven os problemas que houbo até o de agora”, sinalou. Reclamou ademais que non se usen as actividades dos centros cívicos “como arma partidista” e que busquen “a colaboración para que dentro duns meses a situación sexa outra, en beneficio das persoas usuarias”.
Esta é unha licitación moi complexa, tanto polo número de traballadores/as para subrogar, polo número de centros a atender e a súa diferente tipoloxía e necesidades, como polo volume económico, explicou Goretti Sanmartín.
Ademais, este é un concurso que, desde o punto de vista do BNG, xustificaría a posibilidade que permite a Lei de Contratos do Sector Público de que se habilitase unha Comisión de persoas expertas para valorar as ofertas que permitise, así, legalmente, primar a proposta social e cultural que se propoña sobre a oferta económica.
“Santiago ten unha rede de centros socioculturais que poden ser a envexa de calquera cidade, pois son un elemento vertebrador e dinamizador de barrios e parroquias, fundamentais para a socialización da veciñanza”, sinalou. “Mais esta Administración local parece empeñada nos últimos tempos en convertelos nunha fonte de conflito permanente”, advertiu.
Así, emprazou o PSOE a non caer dúas veces no mesmo erro. “A experiencia demostra que non deberían desbotar sen máis a posibilidade de licitar este concurso en lotes”, afirmou. Deste xeito, propuxo que podería ser en lotes de centros ou de servizos e programas (deportes, atención a maiores, animación e actividade teatral, entre outros), “coa idea de facilitar que empresas de Santiago e do resto de Galiza moi boas e do sector se poidan presentar e non só xigantes da prestación de servizos con sede en Madrid”.
“Os problemas foron a tónica habitual desde o primeiro día, pois é evidente que unha multinacional como Ferrovial non é a mellor empresa para se encargar dun servizo coma este”, advertiu. “A Ferrovial non lle importa nada o centro de Conxo, do Castiñeiriño, de Verdía, da Gracia, das Cancelas, de Busto, de Bornais, da Lavacolla, de Vite, da Casa Agraria, do Romaño, de Marantes, de Grixoa, de Santa Marta ou de Villestro”, sinalou Goretti Sanmartín, “e nomeo todos estes centros porque goberno saínte e goberno entrante saben perfectamente que en todos eles houbo problemas especiais, problemas para alén dos que houbo no conxunto dos centros, en todos e cada un deles”.
O BNG reclama que PSOE e CA deixen de discutir sobre quen ten a culpa e que se decaten de que o problema é a xestión de Ferrovial e un pregos que non recollen o que precisan os centros socioculturais.