PLENO

Resumo de iniciativas do Pleno ordinario de setembro de 2019

bng
bng

Apróbase no Pleno a proposición do BNG para crear a Comisión especial da memoria histórica 

Resumo de iniciativas do Pleno ordinario de setembro de 2019

Unha declaración institucional, a partir dunha moción do BNG, vai destinada a que o Concello lle solicite á Xunta que comece no ano 2020 a solución para dotar dunhas novas instalacións para a Escola Oficial de Idiomas

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2019.- O Pleno aprobou a proposición do BNG, con dúas emendas do PSOE e de CA, para a creación da Comisión especial da memoria histórica. Entre os acordos figuran tamén que se erga o monumento de homenaxe aos alcaldes Ánxel Casal e José Germán Fernández, asasinados en 1936 polas súas ideas, coa inscrición dos nomes das persoas executadas ou presas durante o franquismo; que se proceda a xestionar a retirada da simboloxía de enxalzamento franquista que aínda permanece na cidade; que se promova a instalación dunha placa na nova terminal do aeroporto en lembranza das persoas estiveron no campo de concentración da Lavacolla e que colaboraron na construción do aeródromo e tamén que se dea apoio aos fondos documentais, museísticos e patrimoniais xa existentes na cidade sobre a memoria histórica.

Aprobouse mediante declaración institucional que o Concello de Santiago de Compostela lle solicite á Xunta a implantación de Orfebrería e Pratería, tanto en Ciclo de grao medio coma superior, e o curso de especialización en ourivería en Santiago de Compostela. Esta é unha medida proposta no plan estratéxico de “Ourives de Compostela” para revitalizar o tecido artesán e comercial derivado desta actividade, ademais de poñer en valor o seu peso histórico e o seu papel identitario da cidade de Santiago de Compostela, do Camiño e de Galiza.

Outra moción do BNG reconvertida en declaración institucional vai destinada a que o Concello de Santiago de Compostela lle esixa á Xunta de Galiza que comece no ano 2020 a solución para dotar dunhas instalacións para a Escola Oficial de Idiomas no noso municipio, acordes en tamaño e dotación á demanda existente e prevista, e que reúna os requisitos esixidos pola normativa vixente para poder impartir ensinanzas de idiomas. Para isto, iniciará un proceso de diálogo conducente á celebración dun acordo coa Administración autonómica, partindo da disposición do Concello a facilitar, se así é preciso, unha parcela municipal para acoller un novo edificio, que pode ser a xa ofrecida, ou calquera outra das parcelas municipais que reúna os requisitos esixidos para tal fin.

Conflito no aeroporto

Aprobouse unha moción, cunha emenda do PSOE, para que o Concello de Santiago de Compostela se comprometa a traballar, en colaboración coa Delegación do Goberno, para que conflito derivado do recorte de dereitos laborais do persoal do aeroporto Rosalía de Castro – Lavacolla se encamiñe pola vía do diálogo e a negociación para dar solución as súas demandas, logo de dúas xornadas de folga neste mes de setembro. Ao fío desta moción, membros do comité de folga concentráronse ás portas do Pazo de Raxoi e o representante Pablo de Prados interveu no Pleno.

O BNG trasladou unha moción para apoiar a mobilización mundial en defensa do clima do 27 de setembro e organizar actividades dirixidas á sensibilización da poboación sobre as causas e consecuencias da emerxencia climática. A iniciativa incluía o detalle de actuacións encamiñadas a minguar a pegada ecolóxica en Santiago de Compostela desenvolvendo as seguintes medidas no período 2019-2023, ademais de integrar un comité ou gabinete de acción contra a emerxencia climática, no Consello municipal de ambiente, en coordinación con outras instancias institucionais e da USC. Foi rexeitada esta moción do BNG sobre a emerxencia climática cos votos en contra do PSOE, abstención do PP e a favor de CA e BNG.

Un rogo do BNG foi destinado a que se manteñan os prezos públicos de xeito estábel durante todo o ano para as persoas que dispoñen de praza de aparcadoiro en Xoán XXIII, para que non se lles aplique a tarifa turista durante o mes de agosto.

No apartado de preguntas orais, o BNG trasladou a necesidade de coñecer cando ten previsto o Goberno local pór en marcha o plan de emerxencia e adecuar as instalacións do Pazo de Raxoi e demais oficinas municipais para a prevención de riscos. O Goberno local responde que o aplicarán nos vindeiros anos.

Outro rogo foi para que o servizo de lacería estea operativo durante 24 horas, non só en horario de oficina como funciona na actualidade. O Goberno local anuncia que o novo prego que están a redactar inclúe 7 horas e unha bolsa de horas para emerxencias.

Resumo de iniciativas do Pleno ordinario de setembro de 2019