ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín e Montserrat Prado defenden máis recursos públicos para a integración das persoas con síndrome de Down

visitadown02
Visita a Down-Compostela

Realizaron unha visita ás instalacións de Down Compostela, xunto cos candidatos Pilar Lueiro e Xesús Domínguez

Goretti Sanmartín e Montserrat Prado defenden máis recursos públicos para a integración das persoas con síndrome de Down

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, e a deputada Montserrat Prado realizaron unha visita ás instalacións de Down-Compostela para coñeceren de primeira man o traballo de inclusión das persoas con discapacidade intelectual, ademais de comprometérense a trasladar ao Parlamento que se adopten medidas para axilizar a valoración de dependencia e a adxudicación do grao.

Goretti Sanmartín defende que o Concello de Santiago “ten que dar exemplo como administración pública no fomento de emprego con reserva de prazas para persoas con discapacidade intelectual e tamén na reserva de contratos específicos desde a perspectiva da inclusión plena para que poidan optar a postos de traballo”.

Outra das reivindicacións que trasladaron é na mellora da sinalética “para que as persoas con dificultades para ler poidan ter unha accesibilidade universal nas instalacións públicas”, destacou.

Para Goretti Sanmartín, debe haber un traballo “máis colaborativo, man a man, mesmo desde a participación do Consello de Servizos Sociais”, pois lembrou que é un dos consellos municipais que non se constituíu neste mandato. “O Concello debe atender as demandas dunha asociación pioneira coma esta e que vai por diante a favor da inclusión para conseguir unha sociedade diversa, en que todo o mundo conte e teña garantidos os seus dereitos”, explicou. Neste sentido, lembrou o recente recoñecemento efectivo ao dereito ao voto para persoas con discapacidade intelectual, mais quedan pendente avanzar cara o dereito á autonomía persoal, o traballo e unha educación inclusiva, engadiu a candidata do BNG.

Galiza, á cola do Estado en atención temperá, cun investimento de 14 euros por habitante cando en Catalunya é superior a 90 euros e en Navarra a 80 euros

Montserrat Prado, pola súa parte, destacou “o importante labor que realizan nesta asociación que leva máis de 20 anos para sensibilizar e facer visíbel a realidade das persoas con síndrome de Down de cara a normalización na sociedade, mesmo cando suplen o traballo que non realizan as administracións públicas”. Deste xeito, anunciou que trasladarán as súas reivindicacións ao Parlamento en materia de dependencia, “para demandarlle ao Goberno español os máis de 180 millóns de euros que adebedan a Galiza, ademais de defender que se axilice tanto a valoración de dependencia como a adxudicación do grao”.

En materia educativa vai pular por unha inclusión educativa integral e por demandar unha aposta pola atención temperá, anunciou. “Galiza está á cola do Estado en atención temperá, cun investimento moi baixo de arredor de 14 euros por habitante cando en Catalunya está por riba dos 90 euros e Navarra por riba dos 80; cando aquí se necesitaría un investimento de 10 millóns de euros e non rolda nin sequera os 3 millóns, “porque é necesario atender desde o primeiro momento as persoas con síndrome de Down e a administración pública non dá esa atención temperá por falta de medios; tan só se presta en 2 concellos galegos”, indicou.

Goretti Sanmartín e Montserrat Prado defenden máis recursos públicos para a integración das persoas con síndrome de Down