INSTITUCIONAL

Goretti Sanmartín presenta o plan “Concello e USC, obxectivo común” cun novo convenio para mellorar as sinerxias

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Cun novo convenio impulsará que tanto a comunidade universitaria como a poboación de Compostela poidan beneficiarse dos recursos deportivos, culturais e sociais das dúas institucións
Goretti Sanmartín presenta o plan “Concello e USC, obxectivo común” cun novo convenio para mellorar as sinerxias

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2023.- A candidata á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, presentou o plan "Concello e USC, obxectivo común" con medidas para a mellora dos campus e da comunidade universitaria que desenvolverá a partir do 28M co BNG no Goberno local.

Este plan comezará por asinar un novo convenio entre o Concello e a USC, coa busca do financiamento necesario “co obxectivo de resolver os problemas de mobilidade, aparcamento, pavimentación, sinaléctica, coidado dos xardíns e seguranza, conseguindo que o chamado campus do medo sexa un campus seguro, onde fiquen atrás os comportamentos e agresións machistas e LGTBfóbicas”.

Tamén nese convenio estará recollido que tanto a comunidade universitaria como a poboación de Compostela poidan beneficiarse dos recursos deportivos, culturais e mesmo sociais das dúas institucións, explicou en declaracións aos medios de comunicacións diante da Reitoría.

Lembrou que en outubro de 2015 o Pleno aprobou unha proposta do BNG para elaborar e executar un plan para o campus sur, co obxectivo de reducir coches en superficie e apostar pola prioridade peonil ou ciclista. “Lembrámoslle esta necesidade a Bugallo en setembro de 2019 e é agora, en 2023, cando di que o vai abordar, despois de non ter en conta as propostas da USC”, indicou.   

O BNG aposta en Compostela por un concello que gañe en accesibilidade e en sustentabilidade, con servizos públicos de calidade, máis espazos para as persoas, incremento de zonas verdes, con oportunidades de traballo e dereito á vivenda. Nesta liña, é unha obriga do Concello e da Universidade recuperar a Residencia -o campus sur- para o goce da poboación xeral e rematar coa concepción teórica e práctica de ser un aparcadoiro de coches, algo ao que axudará a construción do aparcadoiro baixo a praza do Seminario de Estudos Galegos para contribuír a eliminar o tráfico en superficie. Así, promoverá a peonalización progresiva e isto conectará o campus sur cos arredores do xardín botánico na ribeira do río Sarela.

Entendendo que é fundamental para Compostela que a actividade docente e os seus fluxos teñan presenza no centro da cidade, o BNG propón que os edificios da actual Ciencias de Educación e Enfermaría de Xoán XXIII, que a USC vai trasladar ao campus sur, pasen a ser acondicionados como a sede da Escola Oficial de Idiomas.

Vivenda

Un dos eixos centrais do BNG será facilitar o alugueiro e acondicionamento de milleiros de vivendas baleiras existentes para as persoas que buscan piso en Santiago de Compostela, cun plan de dinamización de prezos taxados en colaboración coa Xunta de Galiza e con prioridade para xente moza e con salarios baixos. Son precisas tamén medidas para mellorar a calidade da vivenda, actuando especialmente sobre a rehabilitación, explicou.

“Desde o BNG esixiremos da Xunta de Galiza a creación do Banco Galego de Vivenda, co obxectivo de administrar e xestionar as vivendas baleiras para poñelas en aluguer a uns prezos accesíbeis, así como aumentar as axudas ao alugueiro destinadas á xente moza”, avanzou.

Incremento de horarios e de frecuencia de autobuses

Entre as propostas, destacou que potenciará “o uso da bici e do patinete a través de carrís específicos e de puntos de alugueiro”. “Outra medida que xa reclamamos desde o BNG e que poremos en marcha é a ampliación de frecuencias de autobuses urbanos nas rutas aos campus universitarios de xeito acorde ás necesidades do tránsito de venres e domingos á estación intermodal e tamén nas datas de vacacións e inicio e fin de curso”, sinalou.

Isto complementarase coa planificación dun servizo de buses nocturno con horarios especiais nas fins de semana e feriados que comunique o centro coa periferia e coa creación de intercambiadores de transporte nas áreas de aparcamento de borde.

Mellora da iluminación

Destacou os problemas de iluminación no conxunto da cidade que tamén lle afectan aos campus. “Non se trata de propiciar unha maior contaminación luminosa, senón de seguir as directrices do urbanismo feminista que sinala cuestións tan relevantes como iluminar as beirarrúas e non o ceo nin a estrada, ou que marca a necesidade de manter unha boa iluminación en lugares pouco transitados a determinadas horas como pode ser o campus sur”, sinalou. “É un dereito poder gozar dunha mobilidade segura e cómpre rematar con calquera medo que dificulte que as mulleres poidan gozar de rúas e lugares de noite e de día”, engadiu.

 

Goretti Sanmartín presenta o plan “Concello e USC, obxectivo común” cun novo convenio para mellorar as sinerxias