ANGROIS

O BNG proxecta este mércores a película Frankenstein 04155 sobre o accidente do Alvia

Convite
Convite

Neste décimo aniversario quere reclamar xustiza para as vítimas, identificar as responsabilidades e recoñecer a solidariedade da veciñanza de Angrois que axudou naqueles momentos do sinistro

O BNG proxecta este mércores a película Frankenstein 04155 sobre o accidente do Alvia

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2023.- O BNG convoca un acto aberto ao público para proxectar a película documental Frankenstein 04155 este mércores 12 de abril ás 19:30 no Museo das Peregrinacións, na praza de Praterías, coa participación da eurodeputada Ana Miranda e da portavoz municipal Goretti Sanmartín.

Neste ano 2023 conmemórase o décimo aniversario do accidente do Alvia que supuxo un dos episodios máis tráxicos da historia local e, ao tempo, coincide co desenvolvemento do xuízo en que se dirimen as responsabilidades deste suceso que deixou 81 persoas mortas e máis de 140 feridas.

O BNG considera que é necesario facer xustiza cun accidente desta dimensión e quere pór o foco para que se identifiquen as responsabilidades políticas e se atendan as demandas das vítimas e das súas familias.

Neste décimo aniversario, organiza un acto para facer memoria e reclamar xustiza e, con este obxectivo, quere convidar a participar nesta iniciativa que inclúe a proxección do documental 'Frankenstein 04155', dirixido por Aitor Rei, coa colaboración entre a produtora Boneca Lareta e a Plataforma de Vítimas do Alvia 04155.

Santiago de Compostela ten que lembrar, reclamar xustiza e render homenaxe a todas as vítimas dun feito que, infelizmente, é un dos episodios máis duros da nosa historia, ademais de recoñecer a solidariedade da veciñanza de Angrois que axudou naqueles momentos do accidente.

Este acto, de entrada libre e gratuíta, será o mércores día 12 de abril ás 19:30 no Museo das Peregrinacións, na praza de Praterías, de Santiago de Compostela.

O BNG proxecta este mércores a película Frankenstein 04155 sobre o accidente do Alvia