SERVIZOS PÚBLICOS
O BNG comprométese a facer “un control exhaustivo” do servizo de recollida de residuos para que a empresa cumpra o contrato
Recibiu queixas do mal estado dos camións de lixo que deixan un regueiro de líquido con mal olor cada noite
Santiago de Compostela, 5 de abril de 2023.- O BNG faise eco das queixas recibidas pola veciñanza da rúa Betanzos, na Almáciga, polo mal funcionamento dos camións de recollida de residuos, que verten líquidos e deixan un regueiro que desprende mal olor cada noite. Goretti Sanmartín comprométese, co BNG no goberno despois do 28M, a facer “un control exhaustivo” do servizo de recollida de residuos para que a empresa cumpra o contrato en materia de recursos humanos e materiais para garantir no concello, tanto no rural como no urbano, mellore en canto á limpeza.
Deste xeito, desde a Almáciga trasladaron o seu descontento ao BNG coa limpeza e recollida do lixo, logo de chamar a Urbaser de xeito reiterado para advertir do mal funcionamento dos vehículos que provocan esas verteduras.
Este malestar veciñal é común a outros lugares por onde eses camións en pésimo estado fan o seu percorrido, posto que non foron arranxados nin substituídos coa entrada en funcionamento do novo contrato de residuos. Neste momento, xa non valen escusas porque o novo contrato xa está en vigor e eses vehículos deberían ser substituídos ou, cando menos, arranxados.
O BNG comprométese, despois do 28M, a realizar un control exhaustivo da empresa concesionaria de recollida e tratamento de residuos para obrigala a cumprir co estipulado no contrato e a supervisar o funcionamento dos vehículos e a dotación de persoal que corresponde, de cara a conseguir unha mellora deste servizo público para que Santiago de Compostela sexa unha cidade con máis limpeza.