PLENO
Goretti Sanmartín propón que se limpe a escultura de Rosalía de Castro da alameda compostelá
Logo dun século á intemperie precisa dun proceso para eliminar a sucidade que acumula a pedra de Novelda e o mármore de Carrara cos que foi construída
Santiago de Compostela, 16 de abril de 2018.- A concelleira Goretti Sanmartín Rei proporá no vindeiro Pleno a limpeza do conxunto escultórico de Rosalía de Castro situado na alameda de Santiago de Compostela.
A escultura en homenaxe a Rosalía de Castro que se atopa no parque da Alameda de Santiago de Compostela, da autoría do arquitecto Isidro de Benito, do escultor Francisco Clivillés e dos irmáns Giménez como mestres de obra, foi realizada en 1917 por subscrición popular. Logo dun século á intemperie precisa dun proceso de limpeza non daniño para a pedra de Novelda e o mármore de Carrara, cos que foi realizado o monumento, recuperaren a súa beleza orixinal.
O conxunto dispón dun peche de planta cuadrangular cos ángulos redondeados que acolle unha zona de xardín. No centro do mesmo érguese o monumento formado por un elemento vertical a modo de fuste con dous grupos escultóricos nos lados leste e oeste; culminado por unha coroa que serve a un mesmo tempo de remate aos escudos da Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense nos lados este, oeste, norte e sur, respectivamente.
A escultura de Rosalía, sentada e apoiando a cabeza no brazo dereito nunha actitude pensativa foi realizada en mármore de Carrara. Aos seus pés, sitúase a placa conmemorativa “Galiza, a Rosalía Castro de Murguía. MCMXVII”. No extremo oposto sitúase outro grupo escultórico conformado por un home e unha muller ataviados co traxe tradicional acompañados de versos da autora dedicados á emigración.
O monumento ten diversas placas: da Unidade Galega de Nova York dedicada á "cantora do pobo galego", do Centro Santiago de Compostela de Bos Aires (1934), da Peña Galega Manuel Murguía de Santa Fe (1959), do Centro Galego de Porto Rico en (1965) e de Cantigas e Agarimos (1971), entre outras, que tamén convén sometelas a un proceso de limpeza.