CULTURA
Goretti Sanmartín propón reprogramar as actividades culturais suspendidas
Insta a repensar o Xacobeo, que debe constituír “unha oportunidade para a recuperación económica e cultural e servir para a proxección internacional de artistas de Compostela e de Galiza”
Santiago de Compostela, 28 marzo de 2019.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, propón un plan de impulso do sector cultural compostelán con axudas que inclúan o pagamento anticipado de gasto nun 70% das actividades e que se reprogramen aquelas que foron suspendidas cando acabe o período de confinamento por mor da pandemia do coronavirus.
“A cultura é un dos ámbitos máis importantes para Santiago de Compostela, un sector precarizado que sufriu recortes no contexto da crise de 2008 e lle custou moito recuperarse”, explicou Goretti Sanmartín. “Desde o punto de vista municipal, temos que poñer todo o posíbel para mellorar a súa situación, para axudar á súa recuperación porque é un elemento fundamental de dinamización cultural e económica”, engadiu.
Nese sentido, entende que unha das primeiras cuestións que debe facer o Goberno municipal é pagarlles ás compañías e artistas con facturas pendentes por actuacións realizadas con anterioridade á crise e reprogramar as actividades culturais suspendidas neste período. “Hai que entender que non foi unha suspensión senón un aprazamento, un adiamento das actividades previstas, e ir buscando novas datas para que as persoas creadoras non fiquen sen esa oportunidade”, engadiu.
Para o BNG, cómpre impulsar de maneira decidida a liña de axudas a iniciativas culturais que aínda non saíu publicada este ano e que se inclúa o pagamento anticipado do 70% das actividades e o 30% para unha vez que se desenvolvan.
“Tamén nos preocupan no BNG moitas asociacións que programan actividades en Santiago de Compostela e para que poidan sobrevivir debe haber unha liña especial de axudas”, afirmou. Referiuse tamén á situación das asociacións de baile e música tradicionais, que precisan apoio económico ao atravesaren un momento de dificultade ao ver interrompido o curso e as actuacións previstas das que proceden boa parte dos ingresos para os gastos de profesorado.
Xacobeo enfocado a proxectar a cultura galega
Goretti Sanmartín insta a repensar a programación do Xacobeo 2021, “que debe estar enfocada a promocionar a cultura local e galega”. Este evento do Xacobeo debe constituír “unha oportunidade para a recuperación económica e cultural e servir para a proxección internacional de artistas de Compostela e de Galiza, para dar a coñecer a creatividade no noso país”, sinalou.
“O Xacobeo de 2021 ten que servir de motor de dinamización cultural e esa é a perspectiva que levamos defendendo no BNG e agora é unha necesidade imperiosa e unha obriga poder axudar a creadores e creadoras da localidade a que poidan ter ser parte da programación de espectáculos e desenvolver a súa actividade”, sinalou.
Deste xeito, propón facer “unha fronte común desde o Concello de Santiago e as asociacións para enviar á Xunta esta mesma mensaxe de “replanificar o Xacobeo para servir de apoio ao sector cultural, un dos máis prexudicados por esta pandemia”.