INSTITUCIONAL

Goretti Sanmartín urxe a realizar test de detección do coronavirus a persoal das residencias de maiores de Compostela

BNG
BNG
Reclama que Xunta e Concello aclaren se van usar as instalacións do Multitusos Fonte do Sar como hospital de campaña e, de ser así, que activen canto antes o seu acondicionamento co material e recursos pertinentes
Goretti Sanmartín urxe a realizar test de detección do coronavirus a persoal das residencias de maiores de Compostela

Santiago de Compostela, 31 marzo de 2019.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclama que, de xeito urxente, se lle realicen test de detección de coronavirus covid-15 a profesionais que traballan nas residencias da terceira idade e persoas coidadoras “como medida preventiva para evitar a posibilidade de contaxio”.

Goretti Sanmartín valora que a opción da Xunta de trasladar persoas que contraeron a doenza noutras residencias á da Porta do Camiño “non é o máis adecuado posto que carece de dotacións e equipamento sanitario que se precisa para o tratamento dunha enfermidade destas características”. Ademais, a residencia da Porta do Camiño non dispón, por exemplo, de baños xeriátricos suficientes para a atención individualizada.

“Como xa advertiu o BNG a nivel nacional, esta decisión non é oportuna cando hai hospitais privados infrautilizados que poden acoller persoas afectadas polo coronavirus e o apropiado sería que nesta situación de alerta fosen trasladadas das residencias cara a estas instalacións sanitarias”, engadiu.

Hospital de campaña

Sobre o anuncio da posibilidade de instalación dun hospital de campaña no Multiusos Fontes do Sar, o BNG considera que “primeiro se debe recorrer aos hospitais privados que xa contan con equipamento antes desta optar por esta opción”.

Neste sentido, reclama tamén que Xunta e Concello aclaren se van usar esas instalacións do Multitusos Fonte do Sar como hospital de campaña e, de ser así, que activen canto antes o seu acondicionamento co material e recursos pertinentes.

“Non se pode agardar a que estean colapsados os centros sanitarios cando se chegue ao pico máis alto da pandemia en Galiza para habilitar novos espazos e dotalos de equipamento, pois nunha situación de crise cómpre traballar con previsión e anticiparse aos acontecementos e necesidades de cada fase”, explicou Goretti Sanmartín.

Goretti Sanmartín urxe a realizar test de detección do coronavirus a persoal das residencias de maiores de Compostela