PLENO
Goretti Sanmartín proporá no Pleno designar co nome ‘Daniel Castelao’ a estación intermodal de Santiago de Compostela
Defende integrar no propio deseño do proxecto a tipografía e a obra gráfica de Castelao, para alén de usar o seu interior como espazo expositivo permanente da súa traxectoria cultural e política tan determinante para o noso país
Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2018.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín Rei, defenderá no vindeiro Pleno unha moción para designar co nome de ‘Daniel Castelao’ a estación intermodal de Santiago de Compostela.
Daniel Castelao cando foi deputado nas Cortes fixo unha especial defensa da necesidade de mellora do ferrocarril en Galiza. O certo é que, 85 anos despois daquelas intervencións en que analizaba a falta de infraestruturas ligadas á dificultade para Galiza avanzar no desenvolvemento socioeconómico, segue a ser vixente en termos de desigualdade e discriminación con respecto a outros territorios do Estado español, explicou Goretti Sanmartín.
“Por isto e por ser Castelao un político nacionalista destacadísimo, un exemplo a seguir e unha persoa que entregou todo por amor ao noso país, pensamos que é acaído que a estación intermodal de Santiago de Compostela reciba o seu nome”, unha cuestión que a portavoz municipal xa trasladou tamén ao presidente da Fundación Castelao.
Hai que aproveitar que, con motivo das obras para a dotación da estación intermodal en Santiago de Compostela, se integre no propio deseño do proxecto a tipografía e a obra gráfica de Castelao para alén de usar o seu interior como espazo expositivo permanente que contribúa a dar a coñecer a súa traxectoria cultural e política tan determinante para o noso país e para a creación de conciencia nacional.
Neste sentido, “agardamos que esta moción que se debaterá no Pleno de xaneiro teña o apoio de todos os grupos, xusto neste mes que se dedica a homenaxear e recoñecer a figura de Daniel Castelao”, concluíu.