ELECCIÓNS
Goretti Sanmartín: “Queremos promover Santiago como capital de compras no comercio de proximidade”
A candidata mantivo unha reunión con comerciantes para presentar o programa do BNG destinado á dinamización do comercio como eixe da economía local
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, mantivo un encontro con comerciantes para expor e contrastar medidas para a dinamización económica, entre as que destacou a creación dun viveiro de pequeno comercio na Cidade histórica e o impulso dunha campaña con actividades descentralizadas para facer unha transición fácil ás rúas do Ensanche e aos arredores da zona vella. “Queremos promover Santiago como capital de compras no comercio de proximidade”, afirmou Goretti Sanmartín.
No acto organizado por comerciantes para explicar o programa, Goretti Sanmartín estivo acompañada do concelleiro Rubén Cela. “Sen potenciar a recuperación do comercio de proximidade, Santiago morre”, destacou a candidata, “pois é un factor clave no desenvolvemento da economía local”.
Neste sentido, explicou a necesidade de conservar os comercios emblemáticos para non perder a identidade de Compostela, mediante a creación dunha ordenanza de protección de estabelecementos comerciais e hostaleiros históricos. Iso vai ligado á necesidade de modernización e de novos servizos básicos, coa dotación de banda larga para o pequeno comercio da zona histórica.
Para a creación do viveiro de pequeno comercio, o BNG aposta pola compra e rehabilitación de locais por parte do Consorcio, para a instalación de xente nova que emprenda unha actividade non ligada ao turismo. Deste xeito, contribuirase a recuperar a vida dos numerosos estabelecementos pechados na Cidade histórica e das rúas que perderon a actividade.
Tamén é mester recuperar un espazo como Área Central, “desaproveitado na actualidade, para situar estabelecementos de carácter estratéxico e con oferta diversificada e especializada”.
Para o BNG é necesario apoiar máis e mellor o asociacionismo comercial, desde as administracións, así como fomentar o agrupamento comercial. Ademais, Goretti Sanmartín impulsará un programa integral coa USC e asociacións de comerciantes para fomentar o consumo no pequeno comercio do estudantado universitario. Do mesmo xeito que se compromete a protexer o uso principal da Praza de Abastos como o maior mercado de fresco da cidade.
Outra das medidas do BNG promover a formación de traballadoras e traballadores do comercio a través dun Plan anual de Formación que preste especial atención á aprendizaxe básica de idiomas para uso comercial así como para o emprego de novas tecnoloxías no ámbito comercial.
“En paralelo, é fundamental dotar de novos espazos de aparcadoiro para facilitar as compras na praza de abastos e no Ensanche compostelán, para o que o BNG leva no programa a creación do aparcadoiro soterrado en Belvís, como recolle o Plan Especial, e no campus universitario”, engadiu.