Goretti Sanmartín reclama os 5,5 millóns de euros que lle corresponden a Santiago en concepto de capital de Galiza

RP
Xosé Quintáns, Goretti Sanmartín e Pilar Lueiro

“Santiago ten que recuperar peso político e capacidade de diálogo con outras administracións porque é capital do país e iso ten custos económicos”, sinala

Goretti Sanmartín reclama os 5,5 millóns de euros que lle corresponden a Santiago en concepto de capital de Galiza

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, comezou a comparecencia de prensa cunha mensaxe de forza á muller galega que sufriu esta mañá unha agresión machista en Vimianzo para que poida recuperarse. “Temos que combater a violencia de xénero en todos os ámbitos para que estas situacións non acontezan, toda a forza para ela, para a familia e amizades”, expresou.

A medida que presentou, acompaña de Pilar Lueiro e Xosé Quintáns da candidatura do BNG, vai encamiñada a que Santiago consiga o financiamento que lle corresponde por ser capital de Galiza, “sabemos que se estabeleceu un orzamento extraordinario polos custos que ten a capitalidade en exencións tributarias de edificios, exencións de impostos de vehículos, vados, seguranza, rehabilitación do patrimonio e limpeza, entre outras cuestións”. “O primeiro que propoñemos é que se actualice a contía, que se cifraba en 5,5 millóns de euros no estudo do profesor Caramés Viéitez da Universidade de Santiago a partir dunha análise rigorosa dos gastos anuais ocasionados e que se usou de referencia”, sinalou.

Comezouse cunha cantidade menor mais acordárase que se ía superar até chegar aos 5,5 millóns de euros anuais dos Orzamentos da Xunta para a Capitalidade, “con todo nos últimos anos móvese en 2,32 millóns co compromiso do Feixóo de que cumpren escrupulosamente os custes; cando en 2012 foron 2,7 millóns e antes da crise foron 3,09 millóns en 2008 e 3 millóns en 2007”. Aínda así, unha cifra lonxe dos 5,5 que se fixaran en base a ese estudo de referencia.

Deste xeito, explicou que unha das primeiras medidas que ten que tomar o novo Goberno municipal é encargar un estudo de actualización dos custos da capitalidade, porque seguramente que hoxe son máis elevados pola cantidade de persoal traballador de edificios, de custo patrimonial, de limpeza, de rehabilitación e de promoción turística. Cómpre realizar esa negociación directa coa Xunta para que non deixen de asignar nin un euro menos do que nos corresponde a Compostela e para o próximo Orzamento de 2020 non se debería de permitir unha cantidade inferior aos 5,5 millóns de euros daquel estudo inicial, destacou.

“Esta cuestión está vinculada a que Santiago ten que recuperar peso político, capacidade de diálogo con outras administracións e que non circule esa sensación de poñer como desculpa que ao final é só unha cidade de menos de 100.000 habitantes, cando Santiago é a capital do país e iso ten determinados custos”, cunha Universidade de máis de 500 anos, que recibe o turismo que visita o patrimonio “e merece ser considerada como capital, polo que non se pode poñer en dúbida o financiamento”.

“Isto van ligado ao financiamento extraordinario para o Xacobeo 2021 que pode poñernos en situación de afrontar os retos importantes que ten Santiago de Compostela para os próximos anos, mirando a medio e longo prazo”, destacou.

Goretti Sanmartín reclama os 5,5 millóns de euros que lle corresponden a Santiago en concepto de capital de Galiza