INFRAESTRUTURAS
Goretti Sanmartín reclama que se axilicen as xestións para designar 'Daniel Castelao' a estación intermodal de Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2020.- A portavoz municipal do BNG no Pazo de Raxoi, Goretti Sanmartín Rei, reclámalle ao alcalde que realice as xestións necesarias para que a estación intermodal de Santiago de Compostela leve o nome de 'Daniel Castelao' e acolla no seu interior unha exposición permanente do autor de “Sempre en Galiza” tras o acordo plenario por unanimidade de xaneiro de 2019.
O Concello de Santiago debe instar a ADIF e a Xunta de Galiza para incluír no proxecto da estación intermodal de Santiago de Compostela a designación de ‘Daniel Castelao’, integrar no propio deseño a súa tipografía e obra gráfica, ademais de dispor no seu interior dunha exposición permanente para dar a coñecer o seu labor, explicou en rolda de prensa Goretti Sanmartín.
Para iso, a portavoz do BNG reclama que tanto o Goberno da Xunta como o do Estado inclúan partidas específicas para aplicar este deseño no interior e no exterior desta infraestrutura que está en fase construtiva.
Trátase de cumprir un acordo plenario para recoñecer a obra e a figura de Daniel Castelao nun emprazamento que vai ser punto de encontro para milleiros de persoas cada día que entran e saen da capital de Galiza. “É unha oportunidade para divulgar a obra deste político e intelectual de referencia no noso país”, sinalou. Ademais, o acordo inclúe usar o interior da estación como espazo expositivo permanente para dar a coñecer a súa traxectoria cultural e política.
O BNG insiste en dotar este espazo dunha nova zona de aparcadoiro para vehículos, motos e bicicletas que, ao mesmo tempo, ofreza servizo ao comercio do Ensanche e facilite que a estación se converta nun verdadeiro intercambiador de transporte.
Goretti Sanmartín aproveitou para continuar a reclamar que se elimine a cláusula coa condición de alcanzar 3,5 millóns de pasaxeiros para a obra da estación definitiva. Igualmente xulgou negativamente que sexa o Concello quen teña que encargarse do mantemento da pasarela, unha instalación que formando parte dunha estación non é lóxico que se considere unha rúa máis da cidade.