ORZAMENTOS

Goretti Sanmartín reclama unha xuntanza para negociar os Orzamentos de 2021

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

O BNG propón convocar o Debate do Estado do Concello e o Consello de Participación Veciñal de cara a recoller e incluír propostas do asociacionismo

Goretti Sanmartín reclama unha xuntanza para negociar os Orzamentos de 2021

Entre as propostas do BNG estarán medidas para a mellora ambiental e urbana, con prioridade para o ensino, a cultura, o deporte e a protección social

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, insta o alcalde a convocar unha xuntanza urxente para iniciar a negociación dos Orzamentos 2021 e coñecer o proxecto do Goberno local, tendo en conta que “deberán estar á altura do que Santiago precisa neste momento de profunda crise económica e sanitaria”. Reclamou, ademais, medidas para favorecer a transparencia co requirimento, mais unha vez, dos consellos de participación, a comezar polos de Participación veciñal, Educación e Sanidade que poden contribuír a asesorar nestes ámbitos.

En rolda de prensa, Goretti Sanmartín destacou que entre as propostas do BNG estarán medidas para a mellora ambiental, social e urbana, con prioridade para o ensino, a cultura, o deporte e a protección social.

En concreto, sinalou que é necesario incluír partidas para a recuperación das Brañas de Sar e a ampliación do cinto verde, o acondicionamento do Campus sur e a cesión de uso de instalacións universitarias para a veciñanza, o aparcadoiro para o Ensanche, a creación dunha planta de compostaxe, o novo centro para persoas sen fogar, xestionar a construción da escola infantil e piscina para Santa Marta, un plan de pacificación do tránsito, humanización e accesibilidade na zona urbana, un plan de revitalización cultural, un monumento para Ánxel Casal e a lembranza de persoas represaliadas na ditadura e a feminización do rueiro, entre outros.

Ademais, realizou un balance do escaso grao de cumprimento das partidas orzamentarias, entre as que destacou a reparación dos muros das Fontiñas aínda sen iniciarse pese a que o 4 de agosto foi cando se adxudicou esta obra, A Costiña do Monte e do Pombal; o campo da festa do Castiñeiriño e o aparcadoiro de Altiboia iniciado este mes de agosto, que foran compromisos adquiridos co BNG.

Entre as cuestións non incluídas e aprobadas no Pleno ou comprometidas polo Goberno que están pendentes de executar, destacou o servizo de control e seguimento de contratos externalizados; a falta de apoio ás familias en situación de monoparentalidade, o pagamento por utilización de dominio público a empresas, o Plan de Saneamento e Abastecemento do rural, a cuberta da piscina de Sar, o proxecto do aparcadoiro soterrado para Belvís, o Plan de Mellora urbanística e de accesibilidade do Barrio da Estila e actuacións na rúa do Valiño. Lembrou tamén a segunda fase proxecto de Sar, desde o curce con Curros Enríquez até a Calzada; a terceira fase da obra dos Basquiños, A Pastoriza e da Praza da Paz a San Roque; a recuperación do patrimonio natural da Lavacolla, solicitado pola Asociación Ruta Xacobea; e o Plan de prevención de incendios. Do mesmo xeito que son necesarias as obras do plan de mellora do barrio das Fontiñas e parques cubertos para o Castiñeiriño, as Fontiñas e Santa Marta.

Referiuse tamén á necesidade de duplicar as liñas de axudas destinadas a profesionais e asociacións culturais, ademais de pór en marcha diversas medidas consensuadas co sector que deben ser incluídas nun Plan de revitalización cultural. Está pendente tamén xestionar o espazo para Monicreques Kukas, o Centro Galego de Fotografía e o Conservatorio de Danza.

Cómpre, ademais, abrir unha nova convocatoria de axudas para o comercio e a hostalaría cos obxectivos de diversificar e de incluír as cuestións que solicitan.

“O ano 2021 esixe un compromiso claro coa veciñanza co maior dos consensos posíbeis, para o que reclamamos a convocatoria do Consello de Participación Veciñal de cara a recoller e incluír propostas do asociacionismo e do Debate do Estado do Concello”, explicou.

Goretti Sanmartín reclama unha xuntanza para negociar os Orzamentos de 2021