DEPURADORA

Goretti Sanmartín reclama a convocatoria dunha Xunta de Portavoces ante a proposta de convenio para a estación depuradora

Río Sar
Río Sar
Advirte de que o alcalde debe facer prevalecer os intereses de Santiago para que o Goberno do Estado asuma o orzamento que lle corresponde
Goretti Sanmartín reclama a convocatoria dunha Xunta de Portavoces ante a proposta de convenio para a estación depuradora

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Goretti Sanmartín, reclama a convocatoria dunha Xunta de Portavoces extraordinaria “para pedir explicacións e demandar información sobre o borrador do novo convenio que Acuaes enviou ao Concello de Santiago para realizar a estación depuradora de augas residuais, toda vez que, polos datos que transcenderon, se se perden os fondos europeos e o Concello terá que asumir o 80% pese tratarse dunha obra de interese xeral”.

Goretti Sanmartín lembra que o BNG leva anos a insistir na necesidade de axilizar esa obra, tanto para evitar a perda dos fondos europeos como para deter a contaminación ao río Sar e á ría de Noia, pois as actuais instalacións resultan insuficientes para efectuar a depuración de augas dunha poboación como a de Santiago na actualidade.

Segundo a información que transcendeu, a Xunta poría un 20% do valor da infraestrutura mais o Ministerio de Transición Ecolóxica non consigna fondos para esta obra e, aínda que Acuaes asuma un adianto de 30 millóns do orzamento estimado en 56,28 millóns de euros (máis ive), o Concello de Santiago deberá devolver esa cantidade xunto cos custes da operación. Neste sentido, Goretti Sanmartín advírtelle ao alcalde que debe facer prevalecer “os intereses de Santiago para que o Goberno do Estado asuma a parte que lle corresponde”.

“Esta foi a peor herdanza que deixaron os gobernos de Compostela Aberta e do PP cos seus tres alcaldes pois son todos corresponsábeis desta situación e agora, en tempos de crise, xa se vía que de producirse a perda dos fondos europeos por atrasos na tramitación da estación depuradora ía repercutir nas arcas municipais o seu financiamento e ter que saír o diñeiro dos petos da veciñanza de Santiago”, advertiu Goretti Sanmartín.

Compostela Aberta mantivo durante case tres anos o proxecto do PP para a construción da depuradora no Souto e fixo unha proposta de cambio de localización para a Silvouta xa sen tempo para ser efectiva e coa espada de Damocles da perda dos fondos europeos 2014-2020, ampliados a 2023. “O actual alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, dixo que o tema estaba encamiñado e que aínda poderiamos chegar aos fondos, mais desde o BNG advertimos de que faltaba o compromiso do Goberno do Estado de consignar o orzamento necesario para esta obra aínda que se perdesen os fondos europeos, mais nin CA nin o PSOE conseguiron ter este compromiso por escrito”, engadiu.

Goretti Sanmartín reclama a convocatoria dunha Xunta de Portavoces ante a proposta de convenio para a estación depuradora