CULTURA

Goretti Sanmartín reclama unha partida extraordinaria para as axudas do sector cultural

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Estima prioritario que se realice un pagamento anticipado do gasto do 70%
Goretti Sanmartín reclama unha partida extraordinaria para as axudas do sector cultural

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Goretti Sanmartín, reclama a ampliación dos fondos da convocatoria para asociacións culturais aprobada hoxe en Xunta de Goberno cunha cantidade de 50.000 para entidades sen ánimo de lucro e de 100.000 a empresas.

Lembra que no Plan de revitalización da cultura, que foi unha das iniciativas do BNG aprobadas no Pleno da semana pasada, a proposta era de triplicar a cantidade da última convocatoria formal de 2018 e investir un mínimo de 300.000 euros para axudas ao sector profesional e 150.000 para axudas a asociacións culturais e entidades sen ánimo de lucro.

O BNG considera que chega tarde esta convocatoria de axudas ao sector cultural, con axudas directas a profesionais e particulares que presenten proxectos e tamén para o tecido asociativo sen ánimo de lucro, posto que vai medio ano perdido. Para iso, propón que o prazo de realización das actividades acollidas a esta axuda chegue a marzo de 2021 por se hai que adiar de novo algunha das actividades.

Goretti Sanmartín tamén estima prioritario que se realice un pagamento anticipado do gasto do 70% do importe que se conceda a cada entidade e un segundo pago do 30% restante cando se desenvolvan as actividades. Deste xeito, tanto as entidades profesionais como as asociacións dispoñen de liquidez para poder realizar os actos programados, engadiu.

O sector cultural debe ser considerado como unha peza fundamental da economía compostelá, que representa o 5,2% do PIB, pois hai 2.307 persoas afiliadas á Seguridade Social neste sector e 494 empresas para as que estes 100.000 euros resultan insuficientes, tendo en conta que non se achega unha partida extraordinaria con respecto ás edicións anteriores para axudar a afrontar a crise derivada da covid-19.

Goretti Sanmartín reclama unha partida extraordinaria para as axudas do sector cultural