PLENO
Goretti Sanmartín reclama un plan de choque para mellorar a contorna do parque da Trisca
Recibiu queixas da veciñanza polos problemas de limpeza, entre os que se encontran botellas e obxectos perigosos
Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2019.- O grupo municipal do BNG defenderá no vindeiro Pleno unha iniciativa para realizar un plan de choque para mellorar as condicións de limpeza e habitabilidade na contorna do parque da Trisca.
O BNG recibiu queixas da veciñanza da zona da Trisca polas deficiencias de limpeza, entre as que se encontran botellas e obxectos perigosos que aparecen con frecuencia, segundo explicou a portavoz municipal Goretti Sanmartín.
Destacan tamén a ausencia de papeleiras e os colectores de lixo son insuficientes, ademais da falta de iluminación e de roza de vexetación que invade camiños e beirarrúas e fan perigoso o tránsito.
Deste xeito, Goretti Sanmartín reclamará no Pleno un plan para que o Concello de Santiago realice o mantemento que lle corresponde en canto a limpeza e vixilancia na zona da Trisca, no barrio de San Pedro.