CENTROS SOCIOCULTURAIS
Goretti Sanmartín reclámalle ao alcalde que solucione o caos dos centros socioculturais e recupere o seu funcionamento participativo
O BNG responsabiliza a Compostela Aberta de favorecer que só puidesen concorrer ao concurso grandes empresas como Ferrovial, que agora non ten a programación preparada para comezar en outubro
Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2018.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín Rei, realizou un chamamento ao Goberno de Compostela Aberta e, en concreto, ao alcalde para que solucione “a situación caótica que padecen os centros socioculturais ante a deixación de responsabilidades”, para devolverlles o funcionamento democrático e participativo.
O que acontece en Conxo é “a punta do iceberg” da situación insostíbel de todos os centros socioculturais, explicou, “queremos lembrar que isto pasa despois de manter durante dous anos de xeito irregular e sen contrato este servizo e de confeccionar uns pregos que non respondían á realidade de Santiago de Compostela”. O BNG xa dixera no seu momento que con eses pregos “era imposíbel que se puidesen presentar empresas galegas do sector e especializadas neste ámbito, porque tal como saíron favoreceuse que puidesen concorrer só as grandes empresas concesionarias de servizos para as que Santiago é só un número máis nunha estatística”. Para Ferrovial, “pode parecer unha nimiedade no seu ámbito de traballo non ter as actividades programadas en setembro e xustificar iso con que non houbo tempo”, engadiu.
Nesta altura, tiñan que estar as actividades programadas en cada centro, saber as prazas ofertadas para que a xente se anotase para comezar o vindeiro luns 1 de outubro. “Isto supón un grave problema para a conciliación, ademais de ter bibliotecas e ludotecas desatendidas”, sinalou.
“Pola contra, CA intenta calar a veciñanza máis activa que conta con ideas, propostas e iniciativas que, xunto co persoal coordinador dos centros, era quen impulsaba de Santiago de Compostela se caracterizase por ter un rico tecido asociativo”, dixo. “Así entendemos cal é a razón de CA para non convocar os consellos sectoriais de participación, non vaia ser que a xente fale, opine e teña ideas para levar a cabo; ou mesmo foxe de responder á veciñanza as múltiples preguntas, queixas e denuncias”, explicou Goretti Sanmartín.
“Da situación creada nos centros socioculturais, o responsábel último é o Concello e o alcalde, non se lle poden botar as culpas a Ferrovial porque é un servizo privatizado mais é municipal”, afirmou. “É lóxico nese sentido que a veciñanza lle pida explicacións ao alcalde, non entendemos como non reaccionou antes e non ten un equipo para controlar as concesionarias para que cumpran as condicións dos pregos”, sinalou. Aludiu tamén á contradición de Compostela Aberta entre o alcalde, que dixo que se cumprían os pregos, e o xefe do gabinete de Alcaldía que expresou na reunión pública sobre os centros socioculturais que mesmo ía ver de poñer sancións. “Queremos que se aclare o Goberno de Compostela Aberta”, enfatizou.
Referiuse tamén ás incoherencias sobre o persoal traballador dos servizos concesionarios, “cando se preocupa da ORA, do guindastre e da Escola Municipal de Música e non é o mesmo tratamento que lle dá ao persoal dos centros socioculturais ou aos bedeis dos centros polideportivos”.