DEPORTE
Goretti Sanmartín insta a coordinar os horarios das instalacións deportivas para evitar o caos actual
“O esforzo dos clubs, escolas e deportistas debe atopar un Concello que fomente a práctica tamén das disciplinas consideradas minoritarias”, explica
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2018.- A portavoz do BNG de Santiago, Goretti Sanmartín Rei, insta ao Goberno local de Compostela Aberta a coordinar mellor os horarios das instalacións deportivas para evitar o caos que sofren cada inicio de curso os clubs e escolas deportivas.
Lémbralle a Martiño Noriega e a Noa Morais que o BNG de Santiago trasladara en outubro de 2017 unha iniciativa ao Pleno para que o departamento de Deportes mellorase a planificación de usos dos centros deportivos municipais e axilizase a distribución de espazos e horarios para que as entidades e particulares poidan organizar as súas actividades. “Transcorreu un ano e a situación empeorou neste inicio de curso, pese ao compromiso adquirido en Pleno para mellorar o sistema de horarios”, advirte Goretti Sanmartín.
Ademais da tardanza na adxudicación de horarios nas instalación deportivas, que impide unha boa programación dos clubes e mesmo das familias, agora anunciaron máis cambios nos horarios concedidos, segundo explicaron persoas afectadas ao grupo municipal do BNG.
Deste xeito, o feito de non ter unha boa coordinación deste departamento municipal para asignar os horarios de uso das instalacións deportivas provoca problemas de conciliación que, en moitas ocasións, derivan na suspensión da actividade.
O BNG recibiu tamén queixas de clubs, agrupacións deportivas e familias sobre a prioridade de uso das instalacións ao fútbol, que ocasiona que sempre queden relegadas outro tipo de modalidades, e reclaman maior implicación para que se fomente o deporte de base todo o ano.
Para Goretti Sanmartín, “o esforzo dos clubs, escolas e deportistas debe atopar un Concello atento e receptivo ás propostas, que manteña as instalacións, colabore coas entidades na xestión e organización das actividades e fomente a práctica tamén das disciplinas consideradas minoritarias”.