INFRAESTRUTURAS

Rubén Cela cualifica de “reducido de contido para a capital do país” o encontro entre Feixóo con Ábalos

ruben
Rubén Cela

“Debeu reclamarlle obras vitais para Compostela como a seguranza viaria na N-550 e na N-525, cando as cifras de accidentes son demoledoras”, afirmou

Rubén Cela cualifica de “reducido de contido para a capital do país” o encontro entre Feixóo con Ábalos

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2018.- O concelleiro do BNG, Rubén Cela, cualificou como “reducido de contido para a capital do país” o encontro do presidente da Xunta co novo ministro de Fomento, “pois esqueceron temas importantes para Compostela” como a mellora do trazado da N-550 e N-525 para incrementar a seguranza viaria no Eixo e na Sionlla, as obras de humanización do paso inferior de Conxo, o plan de usos da vella terminal de Lavacolla para convertela nun espazo de uso público, a estación de mercadorías da Sionlla, a cesión e mantemento do antigo campo de tiro de Bando ou a eliminación da cláusula de viaxeiros e viaxeiras do convenio para a estación intermodal.

Cuestionou tamén o feito de, estando o ministro en Santiago de Compostela, ignorar na súa axenda un encontro co alcalde da capital de Galiza, en detrimento da escolla doutra cidade por afinidade política.

Deste xeito, sinalou que “Feixóo está anquilosado porque non soubo aproveitar a oportunidade perante o Ministerio de Fomento para situar prioridades na axenda política e reclamarlle cuestións de vital importancia para Compostela como a seguranza viaria na N-550 e na N-525, cando as cifras de accidentes son demoledoras”.

Lembrou tamén que o ministro de Fomento ten enriba da mesa o acordo plenario de febreiro de 2017, impulsado polo BNG, para converter a vella terminal de Lavacolla nun espazo de uso público. Así como as obras de humanización e seguranza viaria pendentes da rotonda de Conxo, que estaban comprometidas por Fomento e non se incluíron nos Orzamentos Xerais do Estado.

 

“Agardemos que Abalos non veña tirar máis fotos como antes fixeron Ana Pastor e Íñigo de la Serna e de verdade se comprometa a solucionar os problemas que deixaron as obras mal executadas”, engadiu Rubén Cela.

Rubén Cela cualifica de “reducido de contido para a capital do país” o encontro entre Feixóo con Ábalos