FEMINISMO
Goretti Sanmartín defenderá no Pleno un plan para iluminar o campus e unha campaña para evitar situacións de acoso contra as mulleres
Unha vez detectados os lugares, cómpre actuar para atallar estes comportamentos ofensivos
Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2018.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín Rei, presentou unha moción destinada a acondicionar e iluminar os lugares detectados que entrañan perigo para evitar as situacións de acoso sexual que se producen nos campus universitarios, co obxectivo de avanzar no dereito á mobilidade segura. Proporá tamén unha campaña, en colaboración coa USC e colectivos feministas, para disuadir deses comportamentos ofensivos coas mulleres.
Os campus universitarios, especialmente na contorna da residencia do Monte da Condesa e dos colexios maiores, sofren dun problema de falta de iluminación durante a noite que provoca inseguranza entre as persoas que teñen que transitar este espazo, principalmente mulleres estudantes que con frecuencia se senten acosadas polo ambiente hostil que alí se crea, explicou en rolda de prensa.
No Mapa do Medo elaborado por unha estudante da Escola de Arte Superior de Deseño Mestre Mateo detállanse casos de acoso, humillacións, tocamentos, insultos, vexacións e intentos de violación que acontecen nesta zona, así como noutras da cidade de Santiago de Compostela.
Segundo sinalou Goretti Sanmartín, tamén as organizacións estudantís, colectivos e plataformas feministas teñen recollidos numerosos casos de agresións e mesmo violacións neste ámbito, das que unha minoría constan como denuncias. A Comisión de Queixas e Suxestións recibiu, ademais, diversos escritos para reclamar medidas que garantan a seguranza nos campus por parte da administración municipal.
Os relatos das mozas que viven nestas residencias revelan que adoitan conformar grupos para evitar o terror que sofren acotío se van soas despois das 20:00 horas, ante a existencia de agresores que usan as sebes para espreitar e atacar as posíbeis vítimas que camiñan pola zona.
Esta iniciativa do BNG vai na liña de que as mulleres deberan ter o dereito á mobilidade segura “e correspóndelles ás administracións en colaboración coas institucións universitarias, neste caso, adoptar as medidas necesarias para frear esta situación co fin de que non vexan limitada a súa autonomía para asistir a actividades, practicar deporte, pasear e estar ao aire libre, sexa día ou noite, sen estaren condicionadas pola escuridade e o medo a seren agredidas sexualmente”, sinalou.
Reclamará tamén que o Concello de Santiago de Compostela, en colaboración coa USC e colectivos feministas, realice unha campaña de sensibilización para disuadir destes comportamentos ofensivos contra as mulleres, así como a instalación de paneis cos números de teléfono de atención á violencia machista e emerxencias, ademais de prestar apoio e asistencia específica a persoas que padezan situacións de acoso e agresión sexual neste ámbito.