EDUCACIÓN
Goretti Sanmartín Rei advirte dun novo atraso de Compostela Aberta no concurso das actividades de verán para nenos e nenas
Incumpre o acordo plenario para estender a oferta ao mes de agosto e a máis centros educativos
Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2018.- O equipo de Martiño Noriega volve incumprir un dos acordos co BNG da negociación dos Orzamentos municipais para ampliar a oferta do programa de conciliación durante as vacacións escolares a máis centros educativos, quedando reducido aos CEIP das Fontiñas e da Raíña Fabiola. A isto súmase un novo atraso no concurso, que non dará tempo a resolver en prazo antes do 22 de xuño, cando deberan empezar as actividades.
A concelleira Goretti Sanmartín Rei advertiu de que “xusto hoxe é a data límite para presentar propostas para o servizo de desenvolvemento das escolas de verán, para o programa municipal de conciliación”. O BNG reclamara “un plan integral anual para a conciliación en Nadal, Semana Santa e verán que foi aprobado en Pleno en novembro de 2016”, ademais de ser unha das condicións para apoiar os Orzamentos municipais, que incluía descentralizar a oferta a máis centros de ensino para lle dar oportunidade e facilidades de participar a nenos e nenas de máis barrios e parroquias.
Nesta ocasión, o “Servizo de xestión e desenvolvemento das escolas de verán, programa municipal de conciliación no departamento de Educación e Cidadanía”, que se convoca por 60.611 euros + ive, ten unha data límite de presentación de propostas o luns 11 xuño, cando precisan un mes no ámbito administrativo para resolver as ofertas presentadas e as actividades deberan comezar o 22 de xuño.
A proposta do BNG era un programa de actividades municipais en centros educativos, con carácter anual, para a conciliación da vida familiar e laboral, realizada mediante un único concurso, con maior dotación económica que permita ter prezos máis baixos para as familias e unha descentralización das actividades de Nadal, Semana Santa e verán.
Estas actividades desenvólvense exclusivamente no CEIP Fontiñas e CEIP Raíña Fabiola e, como mínimo, deben estenderse a Roxos, Lavacolla ou Quiroga Palacios, para incrementar a vertebración territorial. Tamén debería haber unha oferta única, con maior coordinación entre outros departamentos do Concello que programan polo seu lado ou mesmo outras administracións que tamén organizan actividades deste tipo.
Goretti Sanmartín Rei require ademais unha oferta para agosto, “porque non todas as familias están de vacacións nese mes, cando o programa de Compostela Aberta só inclúe actividades para xuño, xullo e os primeiros días de setembro”.