ORZAMENTOS
Rubén Cela cuestiona a apertura dun novo proceso de orzamentos participativos “cando o tractor desbrozador e as cubertas dos parques elixidos pola veciñanza hai 2 anos aínda non existen”
As propostas cidadás non foron prioridade para o Goberno de Martiño Noriega pese a estaren consignadas nas contas municipais e seren demandas colectivas
Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2018.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, considera que “non é razoábel anunciar que abre un novo proceso de orzamentos participativos cando o tractor e as cubertas dos parques, escollidos na primeira edición, seguen sen resolverse por parte de Compostela Aberta”.
Para o BNG, estas demoras inxustificadas demostran a escasa credibilidade que lle outorga o Goberno de Martiño Noriega ao proceso de Orzamentos participativos, posto que os acordos de 2017, do proceso de 2016, non foron prioridade pese a estaren consignados nas contas municipais e seren demandas colectivas.
O BNG considera “inxustificábel” a demora para executar o resultado das votación realizadas hai dous anos nos orzamentos participativos, pois o vehículo desbrozador que se aprobara a instancias das asociacións veciñais do rural aínda non está dispoñíbel para campaña de prevención de incendios deste ano. Esa fora a proposta que acadara máis votos nas parroquias do rural, con 410 persoas que a secundaron e 5.140 puntos finais.
Outra das propostas que fora aprobada e tampouco se executou foi a instalación de paneis de comunicación social para a difusión de información pública. En concreto, aprobárase colocar 240 paneis cun orzamento asignado de 72.000 euros. Esta idea obtivera 342 apoios.
Tampouco se realizaron aínda os catro parques infantís cubertos, tan só se iniciou o procedemento para o das Fontiñas e do Castiñeiriño; e faltan tamén a sinalización das aldeas e lugares que compoñen as parroquias, incluídas neses orzamentos de 2017.