PLENO
Goretti Sanmartín: “Trasladamos o apoio do BNG á manifestación da Plataforma de Miramontes e da Ferusa contra o acceso de camións ao vertedoiro”
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2022.- O BNG quere mostrar o seu apoio á Plataforma de Afectados/as polo vertedoiro de Miramontes-Grixoa e tamén á Federación de Asociacións Veciñais do Rural (Ferusa) que convocan unha manifestación para o 14 de febreiro ás 12:00 no Camiño do Garandón, que dá acceso á canteira de Miramontes. Os motivos desta protesta radican en que continúan a circular camións de gran tonelaxe a pesar de existir unha sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza con data de 25 de novembro de 2021 que o prohibe.
“Como advirte a veciñanza, o que acontece na actualidade é que os vehículos de gran tonelaxe que transitan por ese camiño, que son habituais, carecen de autorización para poder facelo”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.
Despois de meses de que a empresa continúe a incumprir esta resolución, anunciou que “o BNG vai formular unha pregunta no Pleno deste mes de febreiro para coñecer que medidas ten previsto intensificar o Goberno local para que se faga efectivo o contido desta sentenza que desautoriza o paso de camións de gran tonelaxe ao vertedoiro da canteira de Miramontes-Grixoa e tamén que xestións ten previsto facer para que isto non volva acontecer”.