PLENO

O BNG reclama o mantemento do lavadoiro octogonal de Picaños, no barrio de Sar

Lavadoiro de Picaños
Lavadoiro de Picaños

Advirte do abandono destes bens etnográficos que están catalogados

O BNG reclama o mantemento do lavadoiro octogonal de Picaños, no barrio de Sar

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2022.- O BNG reclámalle ao Goberno local que realice o correspondente labor de conservación do lavadoiro octogonal de Picaños, no barrio do Sar, que presenta manchas de aceite e abondosa sucidade, ademais de silveiras que invaden parte do corredor.

Para Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG, o mal estado de mantemento deste lavadoiro que está catalogado representa “o abandono ao que está sometido boa parte do patrimonio etnográfico e tradicional en Santiago de Compostela, en troques de poñer en valor estes elementos singulares para que os coñezan tanto a veciñanza como as persoas que nos visitan”.

“O BNG sempre defendeu que a divulgación para o turismo debe comprender máis elementos que pasear arredor da Catedral, entre os que deben figurar a visita ao barrio de Sar para coñecer a Colexiata, o camiño que vai ao bosque do Banquete de Conxo e este mesmo lavadoiro octogonal”, explicou.

Para iso, o BNG demandará un plan de mantemento e conservación destes elementos patrimoniais co fin de evitar a súa deterioración, tal como demanda a veciñanza, e que sirva para divulgar estes bens catalogados.

Este lavadoiro de Picaños, de dous metros de diámetro e planta octogonal, está fabricado con laxes de granito e anfibolita. Ten cadansúa zona de lavado independente  nas caras do octógono, así como unha canle que recolle a auga dunha pía situada á beira das escaleiras que chegan da parte alta. Este espazo está delimitado por un muro granítico que serve de banco corrido e de pousadoiro para os cestos da roupa.

 

O BNG reclama o mantemento do lavadoiro octogonal de Picaños, no barrio de Sar