PLENO
O BNG presenta unha iniciativa para evitar os cortes de luz nas vivendas con poucos recursos
Rubén Cela reclama que o Concello acelere a concesión das axudas de servizos sociais
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2016.- O grupo municipal do BNG trasladará ao vindeiro Pleno unha iniciativa para garantir o subministro eléctrico a persoas con poucos recursos co fin de combater a chamada “pobreza enerxética”.
En Galiza a taxa de risco de pobreza medrou nun só ano 4 puntos, situándose no 19,4% en 2015. Isto significa que máis de 700.000 persoas están en risco de exclusión social ou pobreza no noso país. En Santiago en torno ao 20% da poboación está en risco de exclusión social e hai máis de 4.000 persoas que padecen pobreza extrema.
Rubén Cela cuestionou que se manteña o IVE do 21% á enerxía eléctrica como se non fose un servizo básico de primeira necesidade. “Estes días Cáritas facía público que no primeiro semestre se tivo que facer cargo de facturas de gastos de luz, de gas e de auga de máis de 100 familias de Santiago por importe superior aos 10.000 euros”, explicou, “cando o Concello ten en marcha unha ordenanza de renda básica mensual e de manutención, pero nas unidades familiares con menores e persoas maiores segue a haber situacións especialmente graves”.
Neste sentido, o BNG reclama que o Concello acelere “a concesión das axudas de servizos sociais das persoas que teñen necesidades deste tipo e que tome parte directa para instar ao Goberno central a facer unha modificación normativa como teñen outros países como Francia, que ten prohibidos os cortes de subministro eléctrico no inverno, ou o caso de Alemaña onde o Estado se fai cargo do pago da calefacción e alugueiro das persoas en paro de longa duración”.
Outra das demandas é instar ao Goberno do Estado a regular a prohibición de cortes de subministro eléctrico de xeito unilateral por parte das empresas destes servizos, para o que deberán comunicar e obter autorización da administración competente para evitar que os padezan persoas e familias sen recursos.
Ademais, trasladará outra demanda histórica do nacionalismo como é estabelecer unha tarifa eléctrica galega que atenda á condición de Galiza como excedentaria na produción de electricidade e posibilite unhas menores tarifas tanto para o consumo doméstico como para as empresas.
Neste sentido, indicou que o Goberno local non só debe garantir por medio da administración municipal e dos servizos sociais públicos o apoio as persoas que o precisaren, senón que tamén debe impulsar diante do Estado español e da Xunta de Galiza iniciativas para a prestación de servizos básicos destinados aos grupos máis desfavorecidos e medidas específicas dirixidas a persoas en risco de exclusión social e con necesidades especiais permitan contribuír a garantir o benestar, a saúde e calidade de vida nesta situación dramática que padecen.