ORZAMENTOS
Rubén Cela propón na negociación dos Orzamentos a creación de novas prazas públicas de aparcadoiro
Trasladaralle ao Goberno local proxectos de demandas cidadás que deberá incluír “se buscan que o BNG vote a favor”
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, ao abeiro das negociacións dos Orzamentos para 2017 avanzoulle ao grupo de Goberno que defenderá propostas coa premisa de reducir o gasto superfluo “para darlle prioridade ao gasto social e produtivo”. Así, presentou a proposta de crear un aparcadoiro público no campus sur para dar servizo ao Ensanche.
Para o BNG é necesario “tratar conxuntamente os orzamentos municipais cos de entes como o Consorcio e XADE, porque hai investimentos que teñen que estar inseridos nunha estratexia global municipal”, así como darlle saída aos remanentes que “dada a incapacidade de xestión deste Goberno municipal van volver quedar para 2017 moitos recursos sen gastar do ano 2016 e non ten lóxica que se pacte unha listaxe de investimentos cando sabemos que se van integrar eses fondos a maiores”, explicou.
Cómpre priorizar aqueles “acordos previos”, “pois hai un número importante de iniciativas aprobadas en Pleno que teñen que ter respaldo orzamentario”; tamén os acordos coa cidadanía mediante o proceso de “orzamentos participativos”. Ademais, indicou que o BNG reclamará unha política de incrementar a transparencia para minimizar as partidas denominadas “gastos diversos” que escapan do control político, así como “unha redución paulatina das subvencións nominativas para camiñar cara a unha maior dotación con concorrencia pública e criterios obxectivos”.
Proposta do BNG: incrementar as prazas de aparcadoiro
Ademais, Rubén Cela explicou en rolda de prensa que o BNG detallará nos vindeiros días as actuacións concretas para a negociación, porque “de non alcanzar un acordo nestas e nalgunhas outras non haberá posibilidade de apoiar o orzamento”.
Así, comezou por anunciar medidas para incrementar as prazas de aparcadoiros públicos “porque Santiago ten un problema de mobilidade evidente”. “Non se pode avanzar no proceso de humanización sen avanzar na dotación de aparcadoiros públicos e sen dar unha alternativa clara do tráfico rodado, unha parte ten que vir dada co fomento do transporte público e outra coas novas prazas de estacionamento”, dixo.
Deste xeito, pretende que se cumpra co mandato, ao que se comprometeron todas as organizacións políticas en campaña electoral, de dotar o Ensanche dun aparcadoiro público e de xestión pública. O BNG presentara unha proposta para realizar un aparcadoiro destas características no campus sur, a carón de Ciencias Políticas, “que daría servizo ao tráfico rodado procedente do Milladoiro e de Bertamiráns; ao persoal que traballa e estuda no campus e tamén ao comercio do Ensanche”. “Non nos pechamos en banda ao emprazamento, mais vai ser irrenunciábel que en 2017 haxa algún avance a novas prazas de aparcadoiro público no Ensanche”, enfatizou, “acorde coa humanización e reurbanización do campus sur, que está incluída na EDUSI”.
Esta actuación ten que complementarse con bolsas de aparcamento en diversos puntos da cidade coa adecuación dos leira-parkings existentes para aliviar o tráfico flotante en busca de estacionamento, ademais de continuar coa creación dos aparcadoiros de borde en Cornes e coa reordenación do tráfico nas áreas sanitarias, en colaboración coa Xunta, tanto no CHUS como no hospital provincial de Conxo.
A preguntas de xornalistas sobre o apoio aos Orzamentos de 2017, o portavoz nacionalista afirmou que non lle gusta o termo “liñas vermellas”, “mais imos facer propostas sensatas, xustificadas e que todas elas son demandas cidadás impulsadas por colectivos veciñais, sociais, empresariais e sindicais que deberán incluírse se buscan que o BNG vote a favor”.