PARLAMENTO
Reunión co deputado parlamentar Xosé Luís Rivas "Mini"
O BNG inicia os contactos para trasladar as reivindicacións de Santiago ao Parlamento nesta nova lexislatura
Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2016.- O deputado Xosé Luís Rivas “Mini”, que será o encargado de trasladar as iniciativas do BNG da comarca de Compostela ao Parlamento, comezou a rolda de contactos no Concello de Santiago, onde o portavoz municipal nacionalista Rubén Cela explicou os primeiros temas que levará á Cámara galega relativos a demandar a construción da nova estación depuradora de augas residuais e a cuarta sala do Social nos Xulgados.
Para Xosé Luís Rivas, esta nova lexislatura de Feijóo evidencia “un Goberno continuísta e sen proxecto de país, ten un proxecto deslabazado e de protección do seu”. “No BNG entendemos a política como un traballo conxunto de coordinación, non se trata de conseguir obras asépticas senón de mellorar a situación da xente afectada ou beneficiada polas actuacións que hai que facer, esa é a nosa maneira”, explicou o deputado parlamentar.
“Evidentemente, a falta de depuración de augas é un problema que está en Santiago e, desgraciadamente, en todo o noso territorio porque non se trata en serio e vai pasarlles factura ás xeracións futuras”, engadiu. Do mesmo xeito que a necesidade do novo Xulgado do Social, porque hai milleiros de persoas que agardan a resolución dos seus casos pendentes en materia laboral neste tempo de crise, “que viven problemas moi candentes e moi duros, a nivel local e nacional”.
Deste xeito, Rubén Cela lembrou o traballo de Ana Pontón na última década “con numerosas iniciativas, tanto de control como propositivas, de xeito directo ou indirecto que afectaban a Santiago e á comarca”. “É un orgullo que agora sexa Mini quen vaia representar os intereses de Santiago no Parlamento galego”, afirmou.
Así, fixo un repaso por reivindicacións “que se poden catalogar de históricas”, dixo, e relatou “a serie de compromisos adquiridos e ratificados pola Xunta de Galiza pero que sistematicamente incumpren”. Referiuse ao centro de saúde de Conxo, ás ampliacións da Escola Oficial de Idiomas e do Conservatorio de Música, aos aparcadoiros disuasorios, á entrada en funcionamento do CEGADI, á variante de Aradas; a estación intermodal, ao parque comarcal de bombeiros, á restruturación sanitaria co hospital Gil Casares e á reordenación das prazas de aparcadoiro público no CHUS. Fixo referencia tamén á necesidade de vivenda de protección pública, prazas asistenciais para persoas de terceira idade, escolas infantís, coordinación aeroportuaria, á revisión da contía económica do Estatuto de Capitalidade de Santiago de Compostela e á asunción directa das competencias dos comedores escolares e das actividades extraescolares.
Pola súa parte, o portavoz municipal do BNG en Teo, Manuel Anxo Fernández Baz, lembrou asuntos pendentes que lle afectan a ese concello como o parque comarcal de bombeiros, o centro de día, o saneamento, melloras no IES de Cacheiras ou o expediente da ponte de Pontevea como Ben de Interese Cultural, entre outras que trasladará tamén ao Parlamento nesta nova lexislatura.