NADAL
O BNG pregunta pola programación de Nadal e a pista de xeo
En anos anteriores entraba en funcionamento na ponte de comezos de decembro, mais aínda non está licitada
Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2016.- O BNG rexistrou unha pregunta para coñecer as previsións do Goberno local sobre a programación de Nadal e, en concreto, para saber se vai haber pista de xeo, tendo en conta que en anos anteriores entraba en funcionamento na ponte de comezos de decembro e aínda non está licitada.
Para o BNG, a estas alturas xa tiña que estar en proceso avanzado de contratación a pista de xeo se esta se inclúe na programación de Nadal, así como outras actividades para a campaña de decembro. Ao non estar licitado este contrato, resulta imposíbel que estea operativa en menos dun mes, se se fai de acordo aos prazos medios para unha contratación deste tipo.
Deste xeito, o grupo nacionalista formuloulle unha batería de preguntas ao equipo de Martiño Noriega para saber se haberá pista de xeo, cando está prevista a súa entrada en funcionamento e cal será a súa localización, no caso de que se contrate.