PLENO
O BNG propón un plan para erradicar o carrizo da Pampa, unha planta exótica invasora que causa perdas no sector agrícola e forestal
En Galiza foi introducida principalmente a través das medianas da AP-9 e de aí se propagou ás leiras e montes próximos ás autoestradas
Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2016.- O BNG rexistrou unha iniciativa para proporlle ao Goberno local que emprenda un plan para a erradicación do carrizo da Pampa (Cortaderia selloana) en espazos públicos e parcelas municipais, ademais de difundir un bando para instar á veciñanza a eliminar esta planta exótica invasora de xardíns e terreos particulares para contribuír a evitar a súa propagación co fin de que non degrade máis o noso hábitat.
O carrizo da Pampa é unha planta incluída no Catálogo de Especies Exóticas Invasoras e está prohibida a súa introdución no medio natural, xa que provoca o desprazamento da flora autóctona, coa que compite polo espazo e o alimento, degrada os hábitats naturais, deteriora a paisaxe e provoca a perda da biodiversidade do territorio no que se introduce. Dese xeito, está a causar perdas económicas no sector agrícola e forestal.
Trátase dunha especie moi agresiva orixinaria de zonas tépedas de Sudamérica e é recoñecíbel polo seu gran tamaño e as súas canas esbrancuxadas con forma de penacho, usadas como elementos ornamentais. En Galiza foi introducida principalmente a través das medianas da AP-9 e de aí se propagou ás leiras e montes próximos ás autoestradas. Esta planta produce millóns de sementes que son desprazadas polo vento a unha distancia de até 30 quilómetros, polo que se estende a gran velocidade e provoca un grave impacto ambiental nas áreas naturais.