CAMPAÑA

Máis de 700 persoas no mitin do BNG con Ana Pontón en Compostela

Mitin BNG Santiago 2
Mitin BNG Santiago 2

“Temos dereito a algo mellor que a Galiza pobre e desigual que nos deixa Feijóo", afirma

Máis de 700 persoas no mitin do BNG con Ana Pontón en Compostela

Santiago de Compostela, 22 Setembro 2016.- A 48 horas de rematar a campaña electoral, a candidata nacionalista á Presidencia, Ana Pontón, fixo un chamamento para que haxa unha votación masiva o 25S e que ningunha persoa que aposte por unha mudanza real se quede na casa o domingo, “porque de nada servirá lamentarse ao día seguinte”.

“A todos e todas ás que queredes derrotar a Feijóo pero que non vos conformades cun cambio de caras, que queredes un cambio real desde un proxecto de país pídovos que enchades as urnas de orgullo e de confianza nas nosas propias forzas para que Galiza avance, pídovos que enchades as urnas de votos ao BNG”, proclamou Pontón desde a compostelá praza de Cervantes, acompañada do cabeza de lista pola Coruña, Xosé Luís Rivas, Mini, do portavoz municipal, Rubén Cela entre outros, nun mitin conducido por Xurxo Souto.

A candidata pediu o apoio a todos os galegos e galegas, -votasen o que votasen en anteriores eleccións-, “porque temos un proxecto capaz de sacar Galiza adiante, porque somos garantía de que Feijóo non vai ter segundas oportunidades tras o 25S, e sei que hai moita hoxe desencantada co espectáculo das forzas estatais, que nin deron unha alternativa ao PP nin aproveitaron a súa minoría para derogar leis inxustas como as contrarreformas laborais, a lei mordaza ou a LOMCE”. “O BNG non lle vai fallar a xente deste país”, sintetizou.

PP no banquillo

Pontón deixou claro que este é un país con capacidade e riqueza, que merece un goberno a altura “do seu talento e potencial”.

“Temos dereito a algo mellor que a Galiza máis pobre e desigual que nos deixa Feijóo, ese é o legado do candidato do partido que representa paro e corrupción, o candidato dun partido que vai estar sentado no banquillo dos acusados”, denunciou, lembrando que apenas poucas horas despois de pechar as urnas empezará o xuízo polas tarxetas black, ao que se suma “Gürtel, Pokemon, Rato, Bárcenas, Bárbera, Baltar”.

“É o partido da corrupción sistémica, das amnistías fiscais aos defraudadores mentres recortan en sanidade, educación e dependencia, e o partido onde Baltar pode agredir as mulleres e Feijóo mira para outro lado ou, peor aínda, tenta igualar vítima e verdugo. Cero compromiso coa igualdade, cero compromiso contra a corrupción, ese é o candidato popular, que o 25S empezará a formar parte do pasado”, asegurou.

Rebeldía e inconformismo

Para abrir ese tempo novo que defende o Bloque, Pontón lanzou unha mensaxe expresa a xente moza, a que está aquí soportando precariedade ou paro, e a que está fora emigrada. “O futuro e voso e non deixedes que ninguén volo arrebate, e menos quen se erixe en fiel executor de políticas sen corazón”, proclamou, tras facer un convite expreso a que sexan “o motor do cambio”.

“A vosa rebeldía e inconformismo nas urnas é a forza que precisamos para derrotar ao PP”, salientou, “é fundamental para construír unha Galiza con futuro, e non deixedes que ninguén vos convenza de que tendes que resignarvos a elixir entre salarios de miseria, paro ou emigración. Outra Galiza é posible como a que defende o proxecto do BNG e construirémola co voso apoio”.

Pontón pechou o mitin asegurando que cada vez son máis as persoas que miran cara o Bloque, como se percibe no apoio crecente ao longo de toda a campaña, como se percibe en todos os actos electorais e no entusiasmo e traballo da militancia, dos simpatizantes e de todos e cada un dos candidatos e das candidatas, -explicou- “ese é o verdadeiro efectoPontón do que tanto se fala”.

“Sermos a chave para quitarlle a maioría absoluta de Feijóo, e abrir un tempo novo, con ilusión e con confianza”, concluíu.

 

 

 

 

Máis de 700 persoas no mitin do BNG con Ana Pontón en Compostela