ACCESIBILIDADE
O BNG lémbralle ao Goberno municipal que aínda non convocou a Comisión de Accesibilidade
Reclama tamén accións de concienciación social e de visibilidade das persoas discapacitadas que se ven afectadas polas barreiras arquitectónicas
Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2016.- O grupo municipal do BNG cualificou como positivo o protocolo asinado entre o Concello de Santiago con COGAMI, mais recórdalle ao Goberno de Martiño Noriega que está a incumprir un acordo plenario ao non convocar, nin unha soa vez, a Comisión de Accesibilidade dende que tomou posesión na Alcaldía.
No Pleno de decembro de 2011 aprobouse por unanimidade a creación dunha comisión de estudo de accesibilidade destinada a propor melloras no transporte público, nas edificacións, nas beirarrúas, nos estacionamentos, nas instalacións deportivas e na colocación do mobiliario urbano, entre outros. O BNG reclama tamén, tal como estaba previsto, accións de concienciación social e de visibilidade das persoas discapacitadas que se ven afectadas polas barreiras arquitectónicas que aínda existen na cidade.
A aposta do BNG é elaborar un programa de mobilidade sustentábel que incida na reordenación viaria, na pacificación do tráfico e na potenciación do transporte público, ademais de completar a eliminación de barreiras arquitectónicas, promover o uso peonil da cidade e facilitar a utilización da bicicleta. Para isto, cómpre completar os traballos de eliminación de barreiras arquitectónicas nas vías e espazos públicos, así como nas instalacións municipais, e promover medidas encamiñadas á súa eliminación en edificios e instalacións privadas.