ORZAMENTOS
Míriam Louzao: “É o momento de que a Xunta aposte por Santiago e acepte as emendas que rexistrou o BNG aos Orzamentos da Xunta”
Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2023.- A portavoz municipal do BNG no Concello de Santiago, Míriam Louzao, e a deputada parlamentar Iria Carreira presentaron as emendas aos Orzamentos da Xunta para 2024 por un valor superior aos 27 millóns de euros con medidas necesarias para incrementar a calidade de vida da veciñanza de Santiago no relativo a servizos básicos, educación, deportes, emprego, saneamento, vivenda e mobilidade.
“É o momento de que a Xunta aposte por Santiago e de que acepte estas emendas que rexistrou o BNG con demandas do tecido social e económico local por un valor superior aos 27 millóns de euros ao estado de gastos do Proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galiza para o ano 2024”, explicou Míriam Louzao. “Presentamos estas emendas coa intención de mellorar os investimentos na capital de Galiza e agardamos que teñan o voto favorable dos demais grupos para saír adiante porque son temas de alto interese para Santiago de Compostela”, engadiu.
Deste xeito, destacou a emenda por 1 millón de euros relativa á ampliación do aparcadoiro do CHUS. Trátase dunha das medidas que concita unanimidade social e política, que lle corresponde asumir á Xunta. Este aparcadoiro debe dar potencial servizo a máis de 350.000 persoas con tarxeta sanitaria adscrita a este centro.
Vinculada ao ámbito sanitario, vai unha emenda englobada nunha xenérica para que conste nos Orzamentos da Xunta a contía de 2,5 millóns de euros para o novo centro de saúde de Conxo, xa que as obras previstas no actual non resultan suficientes para atender a demanda, co fin de ter un servizo sanitario público de calidade. Cómpre dicir que na proposta de Orzamentos só aparece mencionado na memoria dos Orzamentos, sen consignación orzamentaria.
“Estimamos necesario construír un Centro de Día para dar servizo á poboación nas Fontiñas segundo as demandas veciñais e ante o envellecemento da poboación residente neste barrio”, sinalou. Santiago ten 24.115 persoas maiores de 65 anos que son potenciais usuarias destes centros. Esta emenda rexistrada polo BNG ten valor de 1,5 millóns de euros, que vai englobada nunha xenérica.
Tamén neste sector, propón unha dotación de 200.000 euros, incluída nunha xenérica de 21M, para un Programa de Intervención Intensiva da Conduta Suicida, para que conte cun equipo específico de persoal sanitario e os recursos humanos e económicos necesarios neste ámbito. Trátase dunha reivindicación do Movemento Galego da Saúde Mental.
Xa no ámbito institucional destacou dúas emendas: a do Estatuto de Capitalidade e a do Consorcio. Os custos da capitalidade fican novamente sen ser compensados e a partida que destina o Goberno galego alcanza tan só os 2.392.425 de euros, cantidade que non cobre o 30 por cento dos custos reais. Así, propomos que unha asignación de 3,1 millóns (para pasar de 2.392.425 a 5,5 millóns). En canto ao Consorcio da Cidade, propomos un incremento de 2,8 millóns (de 2.874.413 a 5,6 millóns) xa que esta entidade precisa reforzar investimento para revitalizar a Cidade histórica para asentar residentes e para acondicionar o Palacio de Congresos.
“Consideramos necesaria unha partida de 200.000 euros, incluída nunha xenérica, para o Parque comarcal de bombeiros de Compostela que dea servizo á comarca e atenda as necesidades deste colectivo”, explicou a portavoz municipal.
Tamén demanda maior investimento para obras de adecuación dos centros escolares e de ensino secundario de Santiago de Compostela, con 400.000 euros máis, e 400.000 para a construción do pavillón do CEIP Cabanillas Santiago de Compostela (Fase 1). Vai tamén a mellora das instalacións deportivas Estadio “Vero Boquete” e inmediacións en Santiago de Compostela no anexo de investimentos do Plan de Infraestruturas Deportivas nos concellos.
Discriminación da Xunta nas instalacións deportivas compostelás
“Aquí queremos incidir na discriminación do noso concello fronte a outros, co anuncio en outubro do compromiso da Xunta de 18M de euros en investimentos en Ferrol, somos a única das 7 cidades galegas que non ten unha instalación deportiva propia da Xunta aínda sendo a capital”, explicou. Hai moitos anos que a Xunta non fai ningún investimento en materia deportiva en Santiago; o último foi o Pavillón de Fontiñas que se inaugurou en 2011. “Desde aquí emprazamos ao grupo parlamentar do PP e ao deputado e portavoz do PP Borja Verea a votar a favor desta proposta do BNG para a mellora das instalacións deportivas en Santiago de Compostela, pois co seu voto serán responsables de que a Xunta incorpore a dotación orzamentaria que precisan as instalacións deportivas da nosa cidade”, incidiu.
Referiuse tamén ás emendas de 400.000 euros para a creación do Conservatorio Profesional de Danza, de 750.000 euros para a ampliación do Conservatorio Profesional de Música e de 1 millón de euros para a construción da Escola Oficial de Idiomas.
Na aposta por favorecer o dereito á vivenda, ante o encarecemento dos alugueiros, o BNG rexistrou unha emenda de 2.200.000 euros de incremento do orzamento para a construción de vivendas de protección pública. Vai incluída nunha xenérica de 10M.
Para a nova EDAR da Silvouta, é necesaria unha achega da Xunta de 1 millón de euros (para pasar de 1.623.900 euros a 2.623.900 euros), toda vez que o Goberno do Estado se comprometeu a incrementar a súa participación do 65 ao 80% froito do acordo de investidura entre o BNG e o PSOE.
No apartado de obras hidráulicas de saneamento, na Estratexia Galega da Auga 2030, inclúese a mellora da rede separativa e prevención de asolagamentos en diferentes zonas do concello de Santiago (Sar, avenida de Lugo, centro histórico e outras).
O BNG considera unha prioridade completar o saneamento de vivendas do rural, ao ser un servizo básico necesario para mellorar a protección ambiental. Está recollido no Pacto polo Rural da Federación de Asociacións Rurais de Santiago (FERUSA) e é unha demanda das asociacións rurais de Compostela que o BNG trasladou ao Pleno en distintas ocasións. Trátase dunha medida para favorecer o asentamento e fixar poboación no rural. Esta emenda ten un valor de 3 millóns de euros, que vai incluída nunha de 20M.
Tamén para o rural reclama unha partida de 1 millón de euros para solucionar unha deficiente rede de conexión a internet de alta velocidade, o que causa problemas para os negocios, persoas autónomas e para quen ten que traballar online, ademais dos labores e lecer da propia veciñanza. É unha medida para favorecer o asentamento e fixar poboación no rural.
Outra partida destacada é a consignación de 1.500.000 euros para iniciar os traballos da creación dunha planta de compostaxe en Santiago de Compostela para cumprir directiva europea de residuos. Trátase de construír unha nave cuberta de 10.000 m2, cunha volteadora, cun sistema de rego e maquinaria de afino. Supón xerar 150 postos de traballo directos.
Ademais o BNG aposta por crear desde a Xunta un Plan de emprego para recuperar xente emigrada, cunha dotación de 500.000 euros. Para contribuír a frear o declive demográfico, urxe un plan de emprego para recuperar profesionais e investigadores/as que se vén na obriga de deixar Compostela por falta de oportunidades laborais.
“Demandamos un Plan de emprego para persoas con discapacidades en Santiago de Compostela, cunha dotación de 500.000 euros, incluída nunha xenérica de 21M, porque para alén do labor de asociacións, é necesario un plan de emprego e inserción laboral para persoas con diversidade física, psíquica e funcional”, explicou Louzao.
Un proxecto “rutineiro”
Pola súa parte, Iria Carreira definiu como “rutineiro” o proxecto de Orzamentos que presenta o PP, “porque carece de iniciativa, está baseado na inercia e en medidas electoralistas, que fai ancorar Galiza no pasado”.
“Estes orzamentos consolidan unha Galiza que vai a menos, con menos poboación, menos industria, menos emprego e menos servizos públicos onde só saen beneficiadas as grandes elites e empresas ás que lle gusta abrazarse tanto Rueda como Feijóo anteriormente”, engadiu.
“Desde o BNG presentamos emendas ao servizo do pobo galego”, a comezar por un cambio na política fiscal que é básico “para que pague máis quen máis ten”, co incremento da achega das rendas con maiores ingresos para manter os servizos públicos do noso país.
Os grandes eixos destas emendas do BNG van enfocados ao reforzo dos servizos públicos e as políticas de igualdade; o avance en dereitos e na solidariedade nun momento de crise; ao desenvolvemento dun novo modelo produtivo e á preservación do territorio e á loita contra o cambio climático.
Entre elas, destacou unha medida como o reforzo da Atención Primaria con 250 millóns de euros e a posta en marcha dun novo modelo de residencias para persoas maiores e con discapacidade de xestión pública con 90 millóns de euros. “Neste día triste após o pasamento dunha muller referente para a loita feminista como Lola Ferreiro, demandamos que o 1% do orzamento se destine á loita contra a violencia machista”, indicou a deputada nacionalista.