O BNG leva aos comercios composteláns a campaña “Mellor local, mellor galego” para animar as compras de Nadal
Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2023.- O BNG emprende, un ano máis, a campaña de comercio “Mellor local, mellor galego” co reparto de folletos e autocolantes para impulsar as compras no comercio de proximidade.
“Apoiar o comercio de proximidade é unha das mellores maneiras de xerar riqueza para Galiza, de humanizar cidades e de impedir a desertización socioeconómica dos nosos concellos”, explicou Goretti Sanmartín. “Está na nosa man modificar hábitos, potenciar a nosa economía e darlle saída á produción galega, de extraordinaria calidade”, engadiu.
“No BNG apostamos por ese comercio de proximidade ao que se pode ir sen necesidade de coller o coche, que fomenta espazos de socialización, que deixa o diñeiro na propia comunidade”, indicou, “e temos comercio e produtos de primeira, por iso esta campaña se centra en incentivar a compra de produtos locais e galegos, con promoción da etiquetaxe en lingua galega”.
Esta campaña que se desenvolve por todo o país tamén aposta pola recuperación dos mercados municipais e das zonas comerciais tradicionais e pola promoción da produción alternativa e ecolóxica, co impulso dunha marca de calidade e de identificación da orixe dos produtos da horta galega.
Ademais, defende a regulación dos horarios comerciais e o estabelecemento de liñas de crédito prioritarias para o comercio de proximidade e a promoción de axudas para implantar ou mellorar establecementos que comercialicen produtos autóctonos.
Día tras día, o Goberno do PP á fronte da Xunta opta por darlle as costas ao sector primario, á industria de transformación e ao comercio de proximidade. Impón un modelo de consumo ao servizo das grandes áreas comerciais de capital foráneo, que empobrece o país, atenta contra a nosa saúde, e mesmo xera hábitos de vida e de ocio deshumanizados.
Para o BNG ten que ser unha prioridade na política económica incentivar a comercialización e o consumo de produtos galegos. Un goberno do BNG á fronte da Xunta de Galiza defenderá que na Galiza as persoas produtoras obteñan o máximo beneficio, e que as actividades de transformación dos nosos produtos sexan un factor de xeración de emprego e dinamización económica neste país.