BNG, CA e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023.- Goretti Sanmartín, en representación do BNG, María Rozas, en representación de CA, e Aitor Bouza, en representación do PSdeG-PSOE, veñen de asinar o acordo para os orzamentos municipais de 2024 que, en palabras da alcaldesa “responde ás necesidades dun orzamento feito e pensado para as persoas, un orzamento social, igualitario, e deseñado para o mantemento de barrios e de parroquias”.
Goretti Sanmartín afirmou que “este acordo que vimos de subscribir é froito do diálogo, da colaboración e da vontade de poñer por riba de calquera outra cuestión as necesidades da veciñanza de Santiago de Compostela”. A alcaldesa explicou que “despois de estarmos cuns orzamentos prorrogados xa desde o ano 2022, é preciso acadar estabilidade orzamentaria e poder ter unha folla de ruta para seguir durante o ano 2024”. Neste sentido, lembrou que “como goberno tiñamos un obxectivo claro que era chegar a finais de ano cunha proposta orzamentaria que fora viable e realista, e con este acordo que hoxe asinamos entendemos que este reto está cumprido”.
A portavoz de Compostela Aberta tamén mostrou a súa satisfacción “porque as tres forzas progresistas demostramos a nosa capacidade para chegar a acordos polo interese dos veciños e veciñas de Santiago”. María Rozas incidiu en que “en democracia é importante buscar puntos comúns e incorporar a mirada dos outros, e iso fixemos no Goberno incluíndo na proposta de orzamentos cuestións que sabiamos que eran de interese común co PSOE, ao que lle agradecemos a súa vontade de manter un diálogo construtivo e de non dilatar os tempos”.
Ademais, Rozas salientou que as tres forzas progresistas “demostramos un especial interese por termos uns orzamentos claramente sociais, que atenden cuestións prioritarias como o incremento das partidas destinadas ao Servizo de Axuda no Fogar, a conciliación, o compromiso co rural, ou a mellora dos servizos públicos”.
Pola súa banda, o representante do PSdeG-PSOE asegurou que “hoxe é un bo día para Compostela porque por fin temos un instrumento para facer realidade as demandas sociais”. Aitor Bouza afirmou que “a oposición ten que servir para o que serve a política: construír, debater, chegar a puntos de encontro e facilitar a vida das persoas”.
Os orzamentos municipais, que ascenden a 141.184.052,95 euros, continuarán nas vindeiras semanas o correspondente procedemento de tramitación administrativa para ser finalmente aprobado en acordo plenario.
Podes descargar o documento do acordo (pdf, 166 kb)