IBI IGREXA
O BNG demándalle ao alcalde que “mova ficha” para cobrarlle os impostos municipais á Igrexa nos bens que sinala o Tribunal Europeo
O Concello de Santiago deixa de recadar 200.000 euros anuais da Igrexa por exencións que prohibe a lexislación europea
Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2017.- O grupo municipal do BNG de Santiago reclámalle ao alcalde que “mova ficha”, despois do pronunciamento do Tribunal de Luxemburgo, para lle esixir á Igrexa que pague os impostos que lle corresponden derivados das actividades que teñan rendemento económico como hospedaxes, pisos, garaxes, leiras e estabelecementos comerciais, entre outros.
Rubén Cela, portavoz do grupo municipal do BNG, realizou diversas preguntas ao Goberno local neste mandato sobre a retirada desta exención do pagamento do IBI á Igrexa nos inmóbeis sen fins sociais e de culto, con respostas onde Compostela Aberta recoñece que non se produciron avances neste sentido.
Só o 22,7% do patrimonio inmobiliario do Arcebispado en Santiago de Compostela é de uso relixioso, é dicir, a Igrexa católica dispón de 850.000 metros cadrados de bens non destinados ao culto. Segundo os datos que constan no Catastro, trátase de máis de 200 propiedades en mans da Igrexa que non tributan pese a non teren uso relixioso.
En concreto, a Igrexa católica debería ingresar nas arcas municipais por volta de 200.000 euros anuais só en concepto de IBI, sen ter en conta os inmóbeis dedicados a culto, os catalogados como históricos e artísticos, de uso social ou educativos.
Esta recente sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea determina que as exencións fiscais á Igrexa católica no Estado español poden constituír unha axuda que prohibe a lexislación europea se se outorgan para o desenvolvemento de actividades económicas e non para fins relixiosos.
Deste xeito, o BNG avoga por acabar con estes privilexios fiscais derivados dos acordos do Estado coa Santa Sede en 1979, como recoñece o dereito comunitario, que considera “inxustificábeis cando se trata de bens destinados a usos lucrativos”.