Navia Rivas: “A Xunta debe adoptar medidas de vixilancia sobre o vertedoiro de Miramontes”
Santiago de Compostela, 26 de maio de 2020.- A concelleira do BNG Navia Rivas, ante o último incendio rexistrado no vertedoiro de Miramontes que afectou a máis de 2.000 m2, advertiu de que a Xunta debe adoptar medidas cautelares e de vixilancia destas instalacións ante os reiterados incumprimentos das empresas que o xestionan.
“Este é o cuarto incendio rexistrado na canteira de Miramontes nos últimos anos e, de non mellorar as condicións actuais de recepción e tratamento de residuos, con alta probabilidade se continuarán a producir este tipo de combustións tal como detallou a Plataforma de Afectados/as polo Vertedoiro de Miramontes-Grixoa na denuncia ante a Fiscalía”, sinalou Navia Rivas.
Isto é debido, segundo explican desde este colectivo a que a materia orgánica depositada neste vertedoiro supera o 30% fronte ao 10% como máximo que ten autorizado, polo que o número de chemineas de ventilación resulta insuficiente ante as bolsas de gas, a presión e as altas temperaturas que provocan deflagracións espontáneas coa consecuente expansión de dioxinas e furanos, compostos químicos altamente tóxicos, contaminantes e volátiles.
O BNG require, deste xeito, que a Xunta interveña na supervisión destes traballos e comprobe o grao de afectación do lume por se se aproximou á zona de tratamento de amianto e ás láminas de impermeabilización, ante o risco de que a contaminación puidese chegar ás augas subterráneas, co que afectaría aos mananciais desta zona que ten traídas veciñais.