ORZAMENTOS
O BNG propón a recuperación de parques e zonas verdes na negociación dos Orzamentos 2017
Quere incrementar a partida para parques infantís cubertos e incluír elementos adaptados para bebés e crianzas con discapacidade
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2016.- O BNG propón incluír nos Orzamentos municipais do 2017 catro propostas para novos parques na cidade: un parque urbano e agrícola nas Hortas, parques infantís cubertos con elementos adaptados para bebés e crianzas con discapacidade, o acondicionamento da Alameda e retomar o proxecto do Plan Especial das Brañas do Sar.
En concreto, Rubén Cela referiuse á creación dun parque urbano e agrícola na zona das Hortas, un acordo aprobado por unanimidade no Pleno que require unha partida orzamentaria para a súa execución. “Este espazo ten unha extensión superior á praza do Obradoiro e, como temos denunciado no Pleno, está nun estado de conservación deplorábel, con vexetación que invade os pasos públicos, entraña risco de incendio e ten deficiencias de iluminación notábeis”, dixo. “Non nos imos conformar con que fose aprobado en Pleno, para o BNG é imprescindíbel que en 2007 haxa unha partida económica concreta para levar adiante este proxecto”, sinalou Rubén Cela.
Reclamou tamén habilitar instalacións cubertas para parques infantís, neste sentido está aprobada unha actuación no marco dos orzamentos participativos “que ten unha partida absolutamente insuficiente”. Ademais, o BNG vai solicitar que nestes espazos e, progresivamente nos demais parques, teñan en conta bambáns e trebellos adaptados para persoas con discapacidade e para bebés. “No parque que se vai licitar proximamente leva cuestións de accesibilidade, mais non os propios bambáns”, explicou. Deste xeito, nos recambios que se fagan, o BNG considera que se deben incorporar este tipo de balancíns para que a accesibilidade sexa efectiva.
Ademais, requiriu que se cumpra o acordo plenario para acondicionar a alameda de Santiago, “é certo que hai previsión no Consorcio de Santiago para incluír no Orzamento de 2017 unha partida de 50.000 euros para a redacción dese plan director, que é imprescindíbel; mais ten que haber unha partida municipal plurianual para a posta a punto da alameda, a comezar polo seu firme”. Hai que facer unha actuación integral e planificada a varios anos, engadiu.
Outro dos proxectos que demandará o BNG nos Orzamentos é o Plan Especial das Brañas do Sar. “Conde Roa non era partidario da actuación prevista que quedou paralizada e neste mandato fíxose unha actuación parcial cun tema formativo, mais hai que retomar este proxecto estratéxico para a cidade, concibido como un novo pulmón verde, tendo en conta a localización definitiva da estación intermodal”, indicou o portavoz municipal nacionalista.