ORZAMENTOS

O BNG propón na negociación dos orzamentos unha nova cuberta permanente na piscina de Sar

IMG-20161209-WA0001
Cuberta da piscina de Sar

O globo actual ten un problema de eficiencia enerxética, ademais de acumular sucidade e humidade

O BNG propón na negociación dos orzamentos unha nova cuberta permanente na piscina de Sar

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2016.- O BNG trasladará á negociación dos Orzamentos municipais do 2017 a proposta de dotar a piscina de Sar dunha instalación cuberta permanente.

As instalacións do Multiusos Fontes do Sar son titularidade do Consorcio, cedidas ao Concello que, á súa vez, ten a explotación do servizo a través dunha empresa mixta XADE. Para o BNG, existe un problema estrutural de falta de instalacións para a práctica deportiva da natación, en concreto hai dous vasos xestionados por Xestión de Actividades Deportivas e Espectáculos (XADE) en Santa Isabel e no Sar, ademais da piscina universitaria que é competencia da USC. “É unha oferta raquítica para unha cidade de case 100.000 habitantes censados, xunto coas particularidades da poboación universitaria e dos clubs deportivos de natación, waterpolo e triatlón, que fan uso das piscinas”, afirmou Rubén Cela. Nese sentido, nas dúas piscinas municipais hai 11.000 abonados. “No medio prazo é imprescindíbel dotar Santiago dunha nova piscina para os veciños e veciñas, mais urxe solucionar a cuberta da piscina de Sar”, explicou en rolda de prensa.

A cuberta da piscina de Sar é de 1996, aínda que comezou a funcionar uns anos despois, e ten un problema de eficiencia enerxética “ao ser dous pvc pegados e ter que quentar o interior a unha temperatura ambiente aceptábel cando no exterior hai días de cero graos, por exemplo”, explicou. Nas memorias do Multiusos tense cuantificado que con outro tipo de instalación se podería reducir entre un 25% e un 30% do gasto en subministro enerxético, que é de gas, ademais da contaminación que produce. A Consellaría de Sanidade xa advertiu que, nalgunhas ocasións, non se acada a temperatura interior mínima esixíbel en inverno. Tamén hai un problema de hixiene, xa que a sucidade e humidade que se adhiren ás dúas placas non se pode limpar, o que ofrece un aspecto estético e sanitario deficiente.

“Segundo a Xerencia do Consorcio e a Xerencia de XADE, esta obra podería ter un orzamento estimado en 500.000 euros”, sinalou, “e sería dos mellores investimentos nas instalacións deportivas da cidade, pois é unha actuación urxente e imos esixir que se incorpore nos Orzamentos do Consorcio para o exercicio de 2017”.

En materia deportiva, Rubén Cela referiuse tamén á necesidade de acondicionar o campo de tiro de Bando, en estado de abandono, onde hai un proxecto para facer un circuíto de bicicleta de montaña, de atletismo e cross, faltan pistas de tenis, pistas de squash e de skateboard. “Iso hai que tratalo nun plan de infraestruturas deportivas global”, concluíu.

Máis imaxes do mal estado da cuberta da piscina de Sar

O BNG propón na negociación dos orzamentos unha nova cuberta permanente na piscina de Sar