Unha persoa sofre feridas de consideración ao envorcar a súa bicicleta polas baldosas en mal estado
O BNG reclámalle ao Goberno de Martiño Noriega que repare de urxencia os carrís bici da cidade, que son unha verdadeira trampa para ciclistas
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2016.- O BNG requírelle ao Goberno local que repare de urxencia o carril de bicicletas das Fontiñas logo de que unha persoa tivese que ser trasladada en ambulancia ao hospital clínico ao sufrir feridas de consideración, segundo consta na denuncia que presentou na Policía local. Á situación de grave deterioro das estradas con fochancas e das beirarrúas con lousas levantadas, únese a dos carrís bici, unha verdadeira trampa para quen circula por eles.
Os feitos aconteceron o pasado sábado 11 de xuño contra as 13:40 horas, na rúa Berlín en dirección á rúa Lisboa, cando M.L.S.G. volvía para casa despois de participar na bicicletada organizada polo BNG-Nós para darlle visibilidade á campaña electoral da formación nacionalista e reivindicar, precisamente, un modelo de cidade que favoreza o uso da bicicleta como un medio de transporte alternativo fronte ao coche.
Como consecuencia do mal estado das baldosas deste carril bici das Fontiñas, onde unhas están máis baixas que outras e ao pisar unha lousa a seguinte se levanta, expón o parte policial, produciuse a caída, sufrindo feridas de consideración en cara, peito, ombro e brazos. Nun primeiro momento, a ciclista quedou atordada polo impacto contra o chan e logo desmaiouse, polo que tivo que ser socorrida por persoas que se atopaban no lugar, que chamaron unha ambulancia do 061 para ser trasladada a Urxencias do CHUS e de alí a Radioloxía e demais departamentos sanitarios. Ademais, a bicicleta tamén sufriu danos importantes, recolle o parte da denuncia.