Isabel Risco: "Collede o zapato de Rosa de Luxemburgo e guindádeo contra o muro do feminicidio"
O BNG - Nós organiza na praza 8 de marzo un acto contra a violencia machista
Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2016.- O BNG - Nós organizou un acto contra a violencia machista na praza 8 de Marzo, onde as candidatas Isabel Risco e Concha de la Fuente explicaron que "a transformación para este país, será feminista ou non será".
"Vivimos nunha sociedade maltratada, en posición de alerta, onde o patriarcado como símbolo máximo da estrutura do capital, é quen exerce violencia contra as mulleres", afirmou Isabel Risco. As palabras deste muro "abafan, oprimen e non deixan vivir en liberdade", sinalou.
"Se este país está invisibilizado, se a historia de Galiza está invisibilizada, canto máis a historia das mulleres revolucionarias como María Balteira, María Soliña, María Castaña, Inés de Ben, Isabel Barreto ou Ánxela Ruíz, mulleres galegas adiantadas á súa época", proseguiu.
Ademais, a actriz indicou que "o BNG - Nós quere transformar a sociedade para vivir nun país mellor, así que temos que sulfatar este muro da violencia machista". "Rosa de Luxemburgo foi fusilada en 1919 e botada ao río, polo camiño perdeu un zapato; collede o zapato de Rosa de Luxemburgo e guindádeo contra o muro das palabras machistas para derrubalo e transformar a nosa sociedade", concluíu.
Así, mulleres e homes da formación nacionalista derrubaron o muro do feminicido", con palabras como "machismo", "medo", "patriarcado", "pobreza", "lei do aborto", "diferenza salarial", "humillación", entre outras.
Nesta ligazón podedes ver imaxes do acto