LOCAIS

Goretti Sanmartín sinala que, para alén d@s hostaleir@s, o Goberno local debe implicar o Consello de Relacións Veciñais e o persoal técnico municipal para resolver o conflito dos locais

zona.vella
zona.vella

Reclama abrir unha liña de axudas do Consorcio para a insonorización de locais e para a adaptación dos que teñan cambio de licenza

Goretti Sanmartín sinala que, para alén d@s hostaleir@s, o Goberno local debe implicar o Consello de Relacións Veciñais e o persoal técnico municipal para resolver o conflito dos locais

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2016.- A concelleira do BNG Goretti Sanmartín Rei participou na reunión municipal co sector da hostalería onde requiriu información sobre a proposta do equipo de goberno, para saber se o persoal técnico municipal elaborou e comparte o especificado no documento entregado. “Un tema complexo coma este só pode ser resolto se hai unha participación global coa intervención de persoal técnico municipal, de representantes da hostalería, das persoas que viven nas zonas afectadas e das que son clientes dos locais e que teñen dereito á seguranza”, afirmou.

Sobre o documento coa proposta do Goberno municipal, destacou que “non contén moitas novidades mais hai cuestións, con que coincidimos, que poden servir como liña orientadora”. Para o BNG, na resolución deste conflito dos espectáculos públicos, de actividades de lecer e da seguranza, “por ser un problema moi complexo, interveñen moitos factores como os locais de hostelaría, as persoas usuarias destes locais e tamén a veciñanza dos lugares afectados que teñen que ter posibilidades de descansar”.

Para avanzar e conseguir un documento que verdadeiramente sexa efectivo, dixo, tamén deben intervir o Consello de Relacións Veciñais ou, cando menos, ter unha interlocución directa coas asociacións de veciños e veciñas das zonas máis afectadas da zona vella e do Ensanche, ademais de contar con incorporación do coñecemento dos servizos municipais, que son quen máis coñecen os procedementos e as posíbeis modificacións para os mellorar.

Entre outras cuestións que o BNG xa manifestara na anterior reunión e que son “vitais para solucionar isto” está abrir unha liña de axudas do Consorcio para a insonorización de locais e para a adaptación dos que teñan cambio de licenza, ademais de instar á Xunta para crear un marco legal galego e que non quede a lei de espectáculos no caixón”, indicou a concelleira nacionalista.

 

Goretti Sanmartín sinala que, para alén d@s hostaleir@s, o Goberno local debe implicar o Consello de Relacións Veciñais e o persoal técnico municipal para resolver o conflito dos locais