COMEDORES
Segue a prestar o servizo a mesma empresa sen introducir cambios demandados e cun prezo máis caro ca en anos anteriores
Segue a prestar o servizo a mesma empresa sen introducir cambios demandados e cun prezo máis caro ca en anos anteriores
Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2016.- O grupo municipal do BNG realizoulle unha pregunta ao Goberno de Compostela Aberta para saber se realizou xestións coa Xunta para que asuma as competencias dos comedores escolares.
En tanto o Goberno galego non xestione os comedores de Santiago de Compostela como lle corresponde, o BNG insta ao equipo de Martiño Noriega a comezar a preparar xa a licitación do concurso municipal para o 2017-2018, co fin de que se cumpran os prazos necesarios no procedemento administrativo e se obteña un resultado diferente aos anteriores, posto que non se tiveron en conta as melloras demandadas pola comunidade educativa e prometidas polo Goberno municipal.
Deste xeito, require que se realice a preparación destes pregos de acordo co criterio das asociacións de nais e pais, para o que cómpre unha interlocución fluída co fin de acabar coa dinámica de prórrogas e renuncias de empresas momentos antes de iniciar as mesas de contratación co que, finalmente, segue a prestar o servizo a mesma sen introducir cambios demandados e cun prezo máis caro que en anos anteriores.
Advirte o BNG que na situación actual non se produciron cambios no modelo de xestión que foran anunciados polo Goberno municipal en resposta á pésima xestión do curso pasado, nin tampouco se introduciron as propostas de mellora dos pais e das nais. Ademais, non se cumpre o programa electoral de Compostela Aberta, no relativo a incluír nos pregos dos comedores escolares a obriga de utilización de produtos ecolóxicos e de proximidade, entre outras promesas.