PLENO
O BNG defenderá no Pleno que a Xunta rescinda contratos con empresas que non cumpren a igualdade salarial
Neste 25 de novembro pon o acento na violencia económica contra as mulleres
Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2016.- A concelleira do BNG Goretti Sanmartín Rei defenderá no vindeiro Pleno unha moción para instar á Xunta a promover, en diálogo coas organizacións sociais, medidas para contrarrestar a violencia económica sobre as mulleres e a rescisión dos contratos coas empresas que non cumpran a igualdade salarial e laboral entre homes e mulleres.
Para o BNG, é clave visibilizar todo tipo de violencias, desde a máis extrema que pon en perigo a saúde física e mental até outro tipo de violencias como a presión estética, a violencia obstétrica e tratos inadecuados no marco da sanidade até a violencia económica que sofren as mulleres neste contexto de emerxencia social. As mulleres padecen as máis altas taxas de desemprego e de precarización laboral, con desigualdade salarial e ocupan a maioría dos traballos non asalariados consecuencia das situacións de dependencia familiar e da falta de recursos públicos.
Correspóndelle á Administración local, por ser a institución máis próxima á veciñanza converterse nunha referencia para o combate deste problema e presionar para que se avance no recoñecemento das realidades de violencia machista e na súa prevención.
Na moción do BNG polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres requírese ademais a necesidade de introducir o termo “feminicidio” mediante unha modificación da Lei de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero e iniciar os traballos para desenvolver o Estatuto de Vítima de Feminicidio.
Quérese tamén que se modifique a acreditación da situación de violencia machista, recollendo certificación da orde de protección, da medida cautelar, sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia ou informe dos servizos sanitarios, de acollida da Xunta de Galiza ou do concello.
Finalmente, reclama instar á Xunta de Galiza a mellorar os servizos de atención psicolóxica, información, inserción laboral recollidos na Lei galega 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero e garantir que o servizo telefónico 016 de atención as mulleres estará operativo e con medios reais durante as 24 horas do día todos os días do ano.