Rubén Cela advirte que o atraso na elaboración dos orzamentos non agoira que se aproben en tempo"
O BNG vota a favor da solicitude de fraccionar a devolución da liquidación do PIE
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2015.- O portavoz do grupo municipal nacionalista en Raxoi, Rubén Cela, explicou o voto favorábel do BNG no Pleno extraordinario para que o Concello de Santiago se acolla á solicitude de devolución fraccionada en 120 mensualidades dos 1.106.891 euros dos saldos negativos resultantes da liquidación da Participación dos Gobernos Locais nos Ingresos do Estado (PIE). Ademais, advertiu que o atraso por parte do Goberno local na elaboración dos orzamentos municipais para 2016 non agoira que se vaian aprobar en tempo, de acordo co calendario de prazos necesarios para a súa tramitación.
Rubén Cela destacou que esa solicitude vai ligada ao cumprimento por parte do Concello de Santiago dunha serie de parámetros económico-financeiros como é o pagamento a provedores, entre outros, do que reclamou expresamente que o Goberno local de Compostela Aberta dea a coñecer ao conxunto da Corporación os resultados do terceiro trimestre.
Do mesmo xeito, reiterou a preocupación do grupo municipal do BNG, xa trasladada hai un mes ao Pleno, pola falta de aprobación do Plan Económico Financeiro, que ten a obriga de realizar toda vez que se incumpriu a regra de gasto. Así, requiriu que a súa aprobación sexa previa ás ordenanzas fiscais e dos orzamentos municipais para 2016.
Na sesión plenaria, Rubén Cela criticou tamén o feito de aprobar esta solicitude de fraccionamento de devolución económica nun Pleno convocado por vía de urxencia, posto que o prazo remata o 1 de novembro, cando a comunicación do Ministerio ten rexistro de entrada do 12 de agosto, o que implica que non é un feito nin sobrevido nin imprevisto. Con todo, o BNG votou favorabelmente por unha cuestión de responsabilidade a urxencia e petición de solicitude de pagamento aprazado, indicou.