Rubén Cela advirte a Martiño Noriega que o apoio do BNG aos Orzamentos non é un cheque en branco"
Fixo un chamamento ao Goberno municipal a que se poña a traballar e a executar os orzamentos para cumprir os compromisos adquiridos
Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago de Compostela, Rubén Cela, afirmou que a abstención na aprobación inicial dos Orzamentos para 2016 non supón un cheque en branco nin que apoie estas contas.
Para Rubén Cela, este é un Orzamento mellor que o anterior do PP e as achegas do BNG melloraron substancialmente o documento inicial. Así, indicou que agarda que o Pleno supoña un punto de inflexión na política local de Santiago de Compostela e emprazou ao Goberno local de Compostela Aberta a abandonar certa dialéctica vitimista, porque hai un Goberno novo que xa leva un período o suficientemente amplo como para empezar a esixirlle un funcionamento mínimo e que agora xa ten un instrumento propio como o Orzamento, onde marcou as liñas prioritarias de actuación e, polo tanto, o que lle toca é traballar e gobernar.
Agardamos que, a partir de agora, se poida centrar nas cuestións que lle preocupan á veciñanza e que, por parte do Goberno local, non se recorra por enésima vez ás escusas de que a oposición pon paus na roda, á herdanza recibida e demais, engadiu. A partir de agora, toca actuar e executar esas contas e, nese sentido, o BNG estará especialmente vixiante co cumprimento, indicou o portavoz nacionalista en Raxoi.
Sobre a liquidación do exercicio de 2015, que aínda non se trasladou aos grupos da oposición, afirmou que vai ser revelador o grao de execución, porque sospeita que vai ser tremendamente pequeno no capítulo de investimentos e a metade dese período corresponde xa cun Goberno de Compostela Aberta.
Deste xeito, fixo un chamamento ao Goberno municipal a que se poña a traballar, a executar os orzamentos para cumprir os compromisos adquiridos.