Rubén Cela: Non é unha boa nova para Santiago que se fixe data para unha cuestión de confianza"
Santiago non se pode gobernar en base á chantaxe aos grupos da oposición, CA ten que mudar o xeito de facer política porque é incapaz de xerar consensos mínimos en temas fundamentais para a cidade, advirte o portavoz nacionalista en Raxoi
Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, afirmou en rolda de prensa que non é unha boa nova para Santiago que se fixe data para unha cuestión de confianza impulsada polo grupo de Goberno de Compostela Aberta e agardamos que, polo ben da cidade, non se chegue a producir.
Se existe vontade política de acordo, aínda hai marxe para introducir cambios nos orzamentos antes da comisión informativa de Facenda prevista para este venres, indicou. O anuncio do alcalde non colle a ninguén por sorpresa, posto que xa anunciara esa intención moito antes mesmo de iniciar as negociacións dos orzamentos, durante o debate das ordenanzas fiscais, engadiu.
Deste xeito, explicou que vincular a aprobación dos orzamentos a unha cuestión de confianza é legal, mais para o BNG resulta contraditorio cun xeito de gobernar que prometeu Compostela Aberta e recorda ao propio de maiorías absolutas e ao peor da vella política. Se finalmente chegamos á cuestión de confianza, será a imaxe máis gráfica da incapacidade de tender pontes e de chegar a acordos por parte deste Goberno local, dixo.
Para Rubén Cela, o diálogo é obrigatorio e o consenso é imprescindíbel, mais require ceder por parte de CA ao non ter maioría absoluta e precisar apoios, o que está a provocar unha situación que resulta insostíbel no tempo.
Así, manifestou que o BNG mantivo unha posición neste proceso construtiva, coherente, rigorosa e con predisposición total para chegar a acordos, mesmo sen ter toda a documentación asistiu a todas as xuntanzas con propostas concretas para mellorar substancialmente o borrador de CA.
O portavoz nacionalista destacou tamén que Santiago de Compostela non merece este xeito de funcionar do Goberno de CA, que demostra incapacidade na xestión diaria e incapacidade para o consenso sobre cuestións claves como ordenanzas fiscais, orzamentos, urbanismo para o que resulta imprescindíbel chegar a acordos.
Santiago non se pode gobernar en base á chantaxe aos grupos da oposición, CA ten que mudar o xeito de facer política porque é incapaz de xerar consensos mínimos en temas fundamentais para a cidade, concluíu.